Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Investigadores analizan na UniOvi a situación actual do galego de Asturias e o seu recoñecemento institucional

A Facultade de Filoloxía da Universidade de Oviedo (UniOvi) acolleu o pasado 12 de decembro a celebración das II Xornadas da lingua e da cultura galega de Asturias, un encontro académico que serviu tanto para a análise da situación actual da lingua no territorio asturián como para a revisión do traballo desenvolvido nas últimas décadas no seu estudo, defensa e dignificación. O acto tivo tamén un marcado carácter conmemorativo, ao converterse nunha homenaxe a Dámaso Alonso, erudito, poeta e lingüista con raíces familiares nos Oscos, Ribadeo e Castropol, autor de investigacións consideradas fundamentais para o recoñecemento científico do galego de Asturias.

As xornadas coincidiron, ademais, co 35 aniversario da publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do galego de Asturias, impulsadas pola histórica MDGA – Mesa prá Defensa del Galego de Asturias, así como coa lembranza do conxunto de traballos realizados durante os anos noventa como resposta á falta de políticas de protección e promoción deste idioma por parte das institucións do Principado.

A doutora Natalia Jardón Pérez e o doutor Xabier Barcia López, organizadores das xornadas, participaron xunto aos investigadores Francisco Fernández Rei e Antón X. Meilán García nunha revisión dos principais proxectos académicos desenvolvidos hai máis de trinta anos arredor da MDGA. Entre eles destacaron a delimitación do territorio galegofalante de Asturias, a elaboración e difusión dunha proposta normativa, campañas de normalización lingüística mediante materiais gráficos, así como a creación das primeiras publicacións periódicas integramente en galego no territorio, como a revista A freita, o suplemento literario O Espello ou a revista científica Britonia, ademais da edición de obras literarias.

Durante as sesións tamén se abordaron cuestións relacionadas coa difusión social do idioma. O doutor Varela Aenlle, autor do Dicionario do galego de Asturias, referiuse á escasa presenza de libros en galego nas bibliotecas asturianas, mentres que os investigadores Alberte Facal Malvar e Xosé Henrique Costas presentaron datos do Estudo sociolingüístico do galego de Asturias, no que se sinala a existencia de manipulacións terminolóxicas por parte da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) que, segundo os autores, contribúen a ocultar a filiación galega do idioma mediante a imposición do glotónimo eonaviego.

As II Xornadas destacaron tamén pola presenza de novas voces investigadoras. M. Carmen Perafita Couto participou cunha ponencia centrada na reflexión sobre o multilingüismo e as relacións entre linguas dominantes e minorizadas. Pola súa banda, a profesora Noelia Bueno Gómez (Universidade de Oviedo) presentou un traballo de campo realizado na zona fronteiriza entre Asturias e Galicia, na raia entre A Fonsagrada, Grandas de Salime e Ibias, no que se pon en valor a tradición oral como ferramenta de expresión cultural, denuncia social e construción de identidade no ámbito rural. O veigueño Pablo Trabadelo Villabrille abordou os efectos do pensamento diglósico, analizando como este condiciona a autopercepción lingüística de moitos falantes e contribúe a procesos de negación da propia identidade idiomática.

O programa completouse coa intervención do catedrático de Dereito Constitucional Miguel Presno Linera, que tratou o estatus xurídico da lingua, e do membro do RIDEA José Antonio Álvarez Castrillón, que abordou aspectos históricos do territorio. Ademais, Marisa Cela López e Xabier Lago Mestre expuxeron experiencias de normalización e ensino do galego no Bierzo e en Ponferrada, ampliando o foco cara a outros territorios galegofalantes fóra de Galicia.

As xornadas desenvolvéronse nun ambiente que os participantes cualificaron como de acollida institucional, subliñando o feito de que, por segunda vez na historia da Universidade de Oviedo, se celebrase un evento académico integramente en galego, recoñecido como un dos idiomas propios de Asturias. O encontro pechouse coa reivindicación dun obxectivo compartido polos asistentes: avanzar cara á presenza do galego en todas as institucións educativas asturianas, dende o ensino ata a universidade.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.