Este 2025 cúmprense dez anos desde que Guido Álvarez Parga iniciou o seu camiño como guía en Lugo. A súa traxectoria abrangue experiencias internacionais e unha aposta decidida polo galego como lingua de traballo. Guido leva ademais sendo recoñecido dende 2022 ata hoxe cada ano co premio Travelers Choice de Tripadvisor. Ademais, foi recoñecido no ano 2020 co premio Lucense do Ano, outorgado polo diario El Progreso e foi nomeado socio de honra en 2021 na Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Conversamos con el sobre os seus inicios, a súa visión do turismo e o papel da lingua.
Como recordas aqueles primeiros anos como guía en Lugo?
Eu acrediteime como guía en 2015, xusto cando volvín a Lugo tras once anos vivindo fóra. Foron anos de formación e de primeiras experiencias profesionais: estudei Turismo na Coruña, estiven de Erasmus durante un ano en Italia, fixen prácticas en proxectos como Descubrir Coruña ou na Oficina de Turismo de Lugo nos veráns, pasei por Londres cunha beca Leonardo no Museo Benjamin Franklin House, traballei dous anos e medio nos observatorios turísticos de Santiago de Compostela e Lugo no CETUR, fixen prácticas nunha consultora francesa (Evea Tourisme, agora Betterfly Tourism) e completei dous másteres, un en Santiago e outro Erasmus Mundus en Francia, Italia e Alemaña. Cando regresei, tiña moitas ganas de facer cousas na miña cidade e de aplicar todo o aprendido.
Que aprendizaxes do estranxeiro trouxestes de volta a Galicia?
En primeiro lugar, os idiomas. Falo galego, castelán, inglés, francés e italiano, algo fundamental grazas á experiencia internacional. Tamén aprendín a importancia de abrir o turismo máis alá dos espazos clásicos. Cando deseñei os paseos do ‘Lugo menos coñecido’ pensei niso: diversificar, evitar masificacións e poñer en valor barrios, ribeiras ou contornas semirrurais. Ademais, vivir fóra fíxome comprender mellor o que significa chegar a un lugar novo, algo que me axuda a empatizar con persoas migrantes que se achegan ás miñas actividades.
A túa proposta ten tamén unha dimensión social.
Si, porque ademais do turístico é un proxecto comunitario. Inspiroume unha plataforma que coñecín en Nantes para crear encontros locais. En Lugo, a través dun intercambio de idiomas, comecei a organizar paseos co meu pai, e de aí xurdiron grupos de WhatsApp para camiñar, xogar ao fútbol e basket ou facer xogos de mesa. Buscamos crear espazos de encontro, tanto culturais como sociais.
Dende o inicio decidiches guiar en galego. Por que?
Eu considérome neofalante: medrei nun fogar castelán falante, pero aos 12 ou 13 anos tomei conciencia do valor do galego como patrimonio e como identidade. Foi unha elección persoal, un sentimento. Sempre que escribín ou colaborei en medios fíxeno en galego. Cando creei o meu proxecto non tiven ningunha dúbida: tiña que ser en galego.
E recibiches críticas por iso?
Ao principio si, sobre todo en Lugo, porque o proxecto resultaba novidoso. Algún comentario houbo, pero foron sempre de xente galega, nunca de visitantes de fóra. Ao contrario, moita xente de outras comunidades autónomas ou doutros países valorou moito que as visitas fosen en galego. Incluso estudantes internacionais ou migrantes participaron para practicar a lingua.
Notas que moitos usan as visitas como inmersión lingüística?
Moitísimo. Veñen persoas de América, Europa, África… realmente de todo o mundo. Atópanse cun espazo lúdico e cultural para mellorar o galego e coñecer Lugo ao mesmo tempo.
Como xestionas os grupos plurilingües?
Normalmente quen participa comprende o galego. Nas actividades máis informais, como concertos ou xogos de mesa, ás veces hai quen non domina nin galego nin castelán. Neses casos trato de acompañar con empatía, utilizando outros idiomas cando é necesario, pero sempre buscando animar a xente a achegarse ao galego dun xeito amable e atractivo.
Que papel cres que deberían ter os guías turísticos na transmisión da lingua e da cultura galegas?
Non quero dicir a ninguén o que ten que facer, pero si animar a apostar polo galego. Creo que é un valor engadido, amosa afecto pola terra e dá autenticidade. No turismo, a lingua é un dos patrimonios máis importantes e os visitantes valoran positivamente atopala nos proxectos.
Como convencerías a alguén que nunca fixo unha visita en galego?
Diríalle que se anime a probalo, que seguro entende máis do que pensa e que descubrirá non só a cidade, senón tamén unha parte fundamental da identidade do lugar. Igual que pasa con calquera lingua no mundo, a mellor forma de coñecer unha cultura é a través do seu idioma.