A Universidade da Coruña e o CSIC volven publicar o seu Calendario Científico Escolar en lingua galega. A versión de 2022 volven nacer como parte dunha colaboración entre a Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade co Consello Superior de Investigacións Científicas para achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade.
Estes calendarios en galego xorden froito dunha colaboración arrincada en 2019 e que, unha vez máis, chegarán en versión física a distintos centros educativos galegos. Como explican dende a Universidade, o calendario achega 365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico (nacemento de persoeiros, conmemoracións de descubertas ou achegas destacables etc.) e está dirixido principalmente para o alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria.
Alén diso, engaden, vai acompañado dunha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas e que “responde aos principios de inclusión, normalización e equidade e atende ás pautas xerais de accesibilidade”. Apúntano así porque contan con tarefas de distinto grao de dificultade, efemérides redactadas nunha linguaxe sinxela ou texto en formato plano para a súa entrega mediante tecnoloxía texto a voz ou TTS. O calendario pódese descargar neste enlace.