A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) conmemorou o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (DILI), cunha dobre iniciativa centrada na promoción da lectura en galego entre a infancia e a mocidade: a publicación dun manifesto e o lanzamento dunha nova páxina web.
Esta efeméride, promovida polo International Board on Books for Young People (IBBY) desde 1967, ten como obxectivo fomentar o hábito lector entre as crianzas e a mocidade. No contexto galego, Gálix puxo o foco no papel da literatura infantil e xuvenil en galego como ferramenta clave no desenvolvemento cognitivo, emocional e cultural.
No marco desta celebración, a asociación difundiu a través das súas redes sociais un manifesto asinado pola escritora María Solar, no que se destaca a presenza dos libros ao longo das distintas etapas da vida. O texto percorre os diferentes formatos da literatura infantil e xuvenil —desde os álbums ilustrados ata a narrativa, a poesía, o teatro ou os libros informativos— e subliña a súa influencia na formación das persoas. Neste sentido, o manifesto sinala que estes libros “prenden a súa semente na construción dos adultos que serán”, ao tempo que reivindica o seu valor na transmisión de valores e na consolidación da lingua galega.
O documento inclúe tamén unha petición expresa para que o 2 de abril sexa recoñecido en Galicia como Día do Libro Infantil e Xuvenil en galego, reforzando así o carácter propio desta celebración no país. A iniciativa complétase cun cartel elaborado pola ilustradora María Lires e cunha versión audiovisual do manifesto narrada pola propia autora.
De forma paralela, Gálix presentou o día anterior, 1 de abril, a súa nova páxina web, concibida como unha ferramenta para mellorar a visibilidade e a accesibilidade da información sobre o sector da LIX galega. A plataforma ofrece unha estrutura renovada que facilita o acceso a actividades, recursos de mediación lectora, proxectos e actualidade, así como á actividade da asociación tanto no ámbito galego como internacional.