A Coral de Ruada recibiu este martes, en Ourense o Premio Otero Pedrayo. O recoñecemento, outorgado dende o 1977 a través de diferentes institucións galegas ‒como a RAG ou as deputacións provinciais‒ e dotado de 16.000 euros, pon en valor a labor e traxectoria de personalidades e agrupacións impulsoras da tradición e cultura de Galicia. Este ano foi receptora a Coral de Ruada, dende a cal, “con máis dun século de historia”, toman o galardón como un chute co que seguir a “manter a tradición e, con ela, o esencial da cultura galega“, según apunta a presidenta, Fátima María Malingre.
No seu percorrido, a Coral de Ruada imprime unha adicación completa a “difundir, conservar e divulgar a tradición galega na música, baile e canto” a través de diferentes formatos: gravacións de discos, publicacións escritas, realización de diferentes actividades culturais… Coa recepción do premio, vense animados a “seguir a traballar defendendo o que somos e representamos: unha Galicia orgullosa e con voz propia“.
A máxima da formación artística persiste dende a súa creación no 1918, “manter a tradición e, con ela, o esencial da cultura galega“. “Manter vivas a nosa esencia e tradición” é a herdanza que vén dos integrantes anteriores, aos que Malingre adica o premio: “O galardón pertence aos que xa estiveron e fixeron camiño, aos que estamos agora a dar o mellor de nós para que continúe cara adiante e ás novas xeracións, responsables de que a chama non se apague“.
Para Malingre, así como para todos os nodos da Coral, a posibilidade de acadar a protección e recoñecemento da música e danza do folclore galego coa adquisición da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC) sería un “orgullo” que os enche de emoción. A súa filosofía propia sería representada co logro da etiquetaxe: “É o que intentamos levar a todo o Mundo e o que debemos defender, divulgar e ensinar“.
O día foi “moi especial” para a agrupación, máis pola simboloxía da figura que da nome ao premio: “O Premio Otero Pedrayo, con este nome, supón un recoñecemento de valor inmenso. Non só polo que significa o seu legado senón porque simboliza o esforzo colectivo de tantos homes e mulleres que, durante xeracións, adicaron tempo, voz e corazón a preservar e difundir a música tradicional galega”.