Mestras e mestres de todo o territorio empregan, logo dun ano dende o comezo da súa actividade, o contido pedagóxico en galego publicado na conta de Instagram @mestraru. Para Ruth Froufe, a creadora, o exemplo e “motivación” para o uso do idioma e “valorar a Terra” vén da sociedade. A mestra, que olla unha “realidade afastada” dende a súa formación universitaria á realidade nas aulas”, alerta especial rexeitamento á lingua galega durante os anos de adolescencia. Sobre o estudantado que acompaña, de 3 anos, de 83 alumnos só unha cuarta parte fala en galego e teme que a “influencia dos compañeiros” agrave a situación.
Como xurdiu @mestraru?
Son consumidora dun montón de contas educativas, case todas en castelán. Iso foi o que me animou a crear unha dedicada a subir material educativo en galego. Non sabía se tería unha boa acollida pero, un ano despois da súa creación, estou encantada. É moi satisfactorio que valoran o teu traballo e encántame recibir fotos de mestras e mestres utilizando os meus recursos nas aulas.
Tes algún proxecto máis que vaia trás o fomento do galego na cativada?
En breves verá a luz algo que me fai moita ilusión pero non podo dicir moito máis.
Será en galego, foi un dos requisitos que puxen.
Durante a túa formación, houbo contido especializado en galego á hora de ofertar educación/acompañar menores?
A carreira e o proceso da oposición é teórica, bastante afastada da realidade das aulas.
Terías algunha proposta?
O primeiro que temos que facer como sociedade é valorar nós mesmos o idioma e a Terra. Para os nenos e nenas somos referentes e a motivación é fundamental.
Cos teus alumnos, empregas o teu contido? Gustaríache poder facelo máis/doutro xeito?
Si, encántanlles as actividades de completar cancións en galego. A última que fixemos foi “A saia da Carolina” na que, despois de completar as palabras que faltaban, tiveron que buscar substantivos propios e comúns para, logo, debuxar como se imaxinaban a saia. Encantoume ver como marchaban da clase cantando a canción. Gustaríame empregar máis materiais manipulativos, traballar por estacións, traballo cooperativo… Imos pouco a pouco implementando formas de traballo, ás veces non é tan doado como pensamos.
Como é a oferta de contido pedagóxico en galego?
Bastante escasa, aínda queda moito camiño que percorrer. Sen dúbida, a miña conta favorita é @comoprestasermestra, a de dúas rapazas que se animaron a compartir os seus materiais trala creación de @mestraru. Tamén hai propostas como @orgullogalego que achega o galego dunha forma máis actual e próxima aos máis novos.
Que tipo de contido ves máis compartido en redes?
Dentro do contido educativo, o contido máis consumido é no que se ensina o día a día das mestras, a vestimenta para ir a clases, as comidas do día… Se algo tiña claro á hora de crear a conta era que non me ensinaría a min mesma. Gústame que me coñezan polo que fago, non por como son ou como visto para ir ao cole.
En que franxa de idade hai mais “lacra” de recursos en galego? E en cal é máis importante ofertalo?
Penso que na adolescencia é cando teñen máis rexeitamento cara o galego, algúns chegan a ter ata odio. Infantil e Primaria son etapas vitais claves, deben valorar o idioma e as nosas costumes dende que son crianzas. A situación dos coles é bastante máis preocupante do que pensamos. No meu colexio de 83 estudantes que hai, só 1/4 falan galego e teñen tres anos. Co paso dos cursos, deixarán de falalo pola influencia dos seus compañeiros/as.
Nestas datas de Nadal, que publicacións de teu ves indicadas para imprimir?
“O noso Nadal” é un mural para colorear no que se pode aprender vocabulario de Nadal como agasallo, folerpa, panxoliña… Tamén hai un dado que lle din ao meu alumnado chamado “Tarefas de Nadal”. Pódelles tocar ler un pouquiño, comer doces de Nadal, xogar, pasar tempo coa familia… Teño en mente algún que outro recurso que queda para o ano.
Cales son outras dinámicas para a celebración do Nadal con cativada?
Escoitar e cantar panxoliñas , escribir receitas, contacontos, xogos de mesa, facer postais, visitar feiras de marcas locais, escribir desexos para o 2025, ler a historia do Apalpador, dos Trubincos… No meu cole lémoslle ao alumnado un conto dunha nena que quería aprender a falar galego e pedíalle palabras ao Apalpador. Así, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que eu coordino, propuxemos que cada nena e neno do centro escribira palabras en galego para meterllas no saco a unha figura do Apalpador, colocada na porta da entrada.