Nico chegou a Galicia a finais dos anos 80, procedente dunha pequena vila turística preto da cidade italiana de Venecia. A súa traxectoria como neofalante comezou por casualidade: aterrou en Ponteceso, na comarca de Bergantiños, unha zona onde a presenza do galego era dominante no día a día. “O feito de estar nun medio onde a maioría da xente usaba o galego axudoume moito a aprender”, lembra.
A súa chegada estivo marcada pola sorpresa de descubrir a existencia do galego, do que non tiña coñecemento. “Sabía que en España existían o catalán e o éuscaro, pero non o galego. Cando cheguei, encontrei esa realidade e entereime do que era a identidade galega”, explica.
Dende entón, a súa relación coa lingua pasou por diferentes etapas, combinando autodidactismo, formación en cursos e inmersión cultural a través da música e o teatro. Nunha das súas primeiras experiencias de aprendizaxe, destaca un curso en Buño, onde un docente o motivou especialmente: “Fixo que vise que non era tan difícil como parecía”.
Ademais de recibir clases, adquiriu un manual de galego coloquial co que seguiu estudando pola súa conta. A súa experiencia previa como falante de véneto —lingua falada no norte de Italia— facilitoulle a aprendizaxe doutras linguas. “O italiano aprendino na escola, porque na casa falábase veneciano. Así que xa tiña esa dualidade lingüística dende neno”, conta.
A día de hoxe, Nico vive en Oleiros, unha zona onde detecta máis reticencias cara ao uso do galego. “Hai xente que o fala, pero outra que o rexeita totalmente”, sinala. Isto inflúe tamén no seu propio uso da lingua, que depende do contexto: “Cando a xente me fala en castelán, ás veces contesto tamén en castelán por comodidade, aínda que tento seguir falando galego sempre que podo”.
A música como ferramenta de aprendizaxe
A súa traxectoria como músico foi clave no seu proceso de aprendizaxe. Traballou como director de coros de afeccionados e, sempre que podía, optaba por repertorio en galego: “Aprendín moito vocabulario a través das letras das cancións. Con música apréndese moito”.
Tamén forma parte dun grupo de teatro creativo, onde a lingua tamén é parte da creación escénica. “Aí eu falo en galego, aínda que hai xente do grupo que non o fala”, di.
Respecto aos medios de comunicación, Nico é selectivo co que consume en galego, mais valora moito o cinema, o teatro e as propostas musicais. Pola súa banda, a televisión pública non é o seu referente habitual, aínda que a segue “cando hai cousas que me gustan”.
Reaccións diversas e integración
Ao usar o galego, Nico asegura recibir todo tipo de reaccións. “Hai xente que me felicita, que me dá os parabéns, e outra á que lle dá igual”, conta. En calquera caso, nunca viviu rexeitamento, e considera que falar galego favorece a integración: “É outra maneira de coñecer a xente e de integrarte no medio. Paréceme que ten que ser así. É tamén un respecto cara aos galegos e á súa cultura”.
A súa mensaxe para outras persoas que chegan a Galicia e senten curiosidade pola lingua é clara: “Non hai que ter medo de falar. Todos os días que practicas, gañas un pouquiño máis”.
No seu caso, o galego forma xa parte da vida cotiá. “Creo que me sentiría estraño se vivise aquí e non falase galego. Sería como se me faltase algo”, afirma. A súa historia é un exemplo máis de como a aprendizaxe do galego non só permite comunicarse, senón que abre portas a unha cultura, unha historia e un xeito de estar no mundo.