O Plan xeral de normalización da lingua galega será renovado, tras a proposta realizada pola Xunta de Galicia, coa creación de once comisións de traballo que abranguen moi diversos eidos. Así o presentou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes dos grupos parlamentarios cos que se reuniu para a continuación das conversas de cara a acadar un Pacto pola Lingua.
O conselleiro reiterou que, no que compete ao uso da lingua, están a “seguir o camiño marcado desde que propuxemos chegar a un consenso entre todos polo ben da nosa lingua, analizando a situación desde todos os puntos de vista”. Deste xeito, López que desde as primeiras xuntanzas cos partidos políticos, o Goberno galego estivo a manter outra rolda de consultas con diversas institucións cuxa implicación considera “de especial relevancia neste proceso”, como son o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega, ás que se lle sumarán outros encontros con outras administracións, a Federación Galega de Municipios e Provincias ou as universidades.
Innovación do aprobado hai vinte anos
O Plan de normalización da lingua galega, aprobado de forma unánime no 2004 con máis de 400 medidas para a motivación do uso do idioma, é un dos puntos principais incluído no documento de base presentado desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aos interlocutores nos encontros para o acordo do Pacto pola Lingua. De forma global, as accións estipuladas hai vinte anos serán traidas á sociedade actual, tendo en conta a realidade lingüística vixente en Galicia.
As novas medidas que se porán en marcha centraranse no impulso do uso do galego nas relacións nas administracións, no fomento de accións transversais no eido familiar e entre a mocidade, ou en aumentar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación e nas industrias culturais. Pola súa parte, os cambios tamén inciden no ámbito sanitario, con medidas para favorecer que os usuarios sexan atendidos en galego se así o desexan.
A isto súmaselle un amplo bloque, o de sociedade, que abrangue intervencións que van desde as crenzas relixiosas e os servizos sociais, ata o deporte, o asociacionismo, o turismo ou o lecer. Por último, tamén se fai especial fincapé na proxección do galego no exterior con medidas que se estenden a outros territorios limítrofes con Galicia e ás colectividades galegas asentadas en distintos países do mundo.
Xunto con estes cambios no Plan de normalización da lingua galega, cómpre lembrar que o documento da Xunta se basea tamén noutros puntos que teñen que ver coa posta en marcha de máis de 50 medidas de actuación inmediatas; no inicio dunha senda de crecemento oramentario para a política lingüística; na colaboración coa CRTVG como catalizadora da lingua, ou no seguimento das recomendacións para Galicia da Carta Europea das linguas.