Coñecer a orixe romana do nome Antón e que este é moi frecuente na zona da Coruña ou que en Galicia hai 3917 Uxías pero só 171 Uxíos son algúns dos datos que ofrece a nova Guía de nomes galegos. Na web da Real Academia Galega xa se pode consultar este novo dicionario, un proxecto coordinado pola filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo, membro de número da Academia dende decembro do 2021.
A través da Guía de nomes galegos preténdese ofrecer información e dar a coñecer a forma estándar dos nomes galegos. Máis de 1500 nomes recóllense neste dicionario antroponímico, que aporta información detallada de nomes de home e muller como a súa etimoloxía, a súa correspondencia noutros idiomas ou persoeiros galegos que tamén se chamaron así. A través dun sinxelo buscador dispoñible na web da Academia, pódese afondar na información dos nomes propios.
“Ao remate de cada entrada vai unha relación de persoeiros universais que levaron o nome nos seus respectivos idiomas. Como é lóxico, conteñen un bo número de galegos e galegas: escritores, artistas e xente de ciencia”, explican dende a RAG.
A información que se achega en cada entrada é moi abundante, destacando así o apartado de motivación, que busca “satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda de personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron”. Dende mitoloxía grega, pasando pola cita de santos, ata nomes nacidos da literatura ou de procedencia celta, moitas son as curiosidades que esta guía ofrece arredor de máis dun milleiro de nomes propios.
Porén, 1500 nomes non representan todos os que se poden atopar en Galicia, por iso dende a Real Academia Galega animan á cidadanía a contribuír na construción desta guía, non só para engadir novos nomes, se non tamén para corrixir deficiencias ou engadir máis información dos xa recollidos. Ademais, tamén están dispoñibles dous listados, en forma de pdf, de nomes femininos e masculinos, ordenados alfabeticamente.
Ana Boullón foi quen coordinou esta guía, mais non é a primeira vez que a filóloga leva a cabo proxectos arredor dos nomes. Como encargo da Academia, elaborou o Dicionario dos apelidos galegos. Entre as súas publicacións neste eido destaca a obra Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización (2016). A comisión académica do Seminario de Onomástica encargada da redacción e actualización da guía tamén está formada por Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema Suárez, Antón Santamarina Fernández, Gonzalo Navaza Blanco, Luz Méndez Fernández, Xosé Antón Palacio Sánchez, Ramón Lorenzo Vázquez e Vicente Feijoo Ares.