A Xunta presenta este mes os volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, que este ano leva a escenarios non convencionais obras inspiradas na literatura medieval galega e na renacentista portuguesa. Os dous proxectos, están a tomar forma xa no marco do programa de apoio ao talento creativo das Residencias Artísticas do Gaiás co propósito de ofrecer unha mirada renovada e actual sobre o patrimonio cultural e artístico.
As propostas, que están coproducidas pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, convidan a traballar ligando as artes escénicas coa creación contemporánea e coa arquitectura, ocupando espazos non teatrais. Un encontro aberto e diverso no que o clásico segue sendo reconocible nestes revolucionarios espectáculos que reivindican o patrimonio á vez que atraen novos públicos.
Clásicas desfeitas arrinca este ano co volume 4, Arte sen guión, da compañía carballesa Galeatro. A obra terá dúas representacións, na tarde do sábado 19 e na mañá do domingo 20 de marzo, cunha divertida e singular posta en escena na galería de túneles que percorre os sotos do Gaiás.
Coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, Arte sen guión constrúe unha especulación improvisada sobre como podería ser unha función de teatro galego da Idade Media, un xénero do que non se conservan rexistros escritos.
O proxecto bebe das estruturas narrativas e dramáticas da época e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, como as cantigas ou o Códice Calixtino, para presentar unha relectura en clave cómica dun tempo deostado que nos convida a cuestionar nosa propia modernidade.