Cansa de mudar constantemente do galego ao castelán, Rita Tizón decidiu que era o momento de falar en todos os ámbitos da súa vida en galego. Foi ao entrar na Universidade cando deu o paso, e agora que rematou a carreira de Filoloxía Inglesa xa pode afirmar que o galego é a lingua que utiliza en todo momento.
Non foi así ata que chegou á etapa universitaria, pois aínda que medrou en galego, era consciente de como cambiaba a lingua segundo o contexto: o galego era para a casa, mais utilizaba o castelán fóra desta.
“Eu aprendín o castelán lendo ou vendo a televisión, porque na casa ninguén o falaba”, relata Tizón, quen recorda como cando chegou á escola se rodeou de persoas que falaban castelán, tanto os compañeiros como a súa primeira mestra. “Foi aí cando adquirín o hábito de falar castelán, e só falar galego se me falaban en galego”.
Porén, recorda que no ámbito familiar, ao verse rodeada de galegofalantes, aínda que houbese algunha persoa falando en castelán, ela utilizaba ao galego. É por iso que neste ámbito os seus achegados non se decataron do cambio de lingua que fixo ao comezar a carreira. “Na casa non se deron conta porque eu nunca deixei de falar galego”, explica.
“Unha das cousas que me fixo dar o paso foi coñecer máis xente que falaba galego diario”, afirma Rita, que foi consciente de como na súa facultade había unha maior defensa do galego e ao verse rodeada non só de galegofalantes, senón de moitos neofalantes. “Parecíame innecesario estar cambiando de lingua todo o tempo”, engade.
Pero falar en galego todo o tempo foi para ela máis que un cambio pola comodidade de utilizar unha soa lingua: “Cando falo galego síntome moito máis eu que cando falo castelán e, de feito, dar o cambio para o galego tamén me axudou a darme conta dalgúns aspectos da miña personalidade sobre os que non pensara antes”. O galego, aínda que sempre estivo aí, chegou a Rita para quedarse independentemente da circunstancia. Di que pode soar sentimental, pero gústalle afirma que o galego é a lingua dos seus sentimentos e da súa forma de expresarse, polo que está máis que orgullosa da decisión que tomou fai 4 anos.
“Volver conectar coas túas orixes, coa túa forma de expresarte, é unha experiencia marabillosa”, defende, polo que anima a que ás persoas que se atopan nunha situación semellante dean o paso.