As maxistradas non bilingües foron o problema co que se atopou unha parella de Vigo, que pediu ante o Rexistro Civil poder ter unha cerimonia en galego. O servizo a Liña do Galego, da Mesa pola Normalización Lingüística, vén de recoller unha queixa ante as complicacións de poder celebrar unha voda na lingua oficial de Galicia.
A parella, que permanece no anonimato, sorprendeuse ante dificultades que atoparon ao querer escoller a lingua, pois pensaban “que a opción da lingua nola darían o propio día da cerimonia”, como explican dende Nós Diario. Contan como a un mes da voda intentaron informarse de se deberían facer algún trámite para confirmar o idioma no que casarían, mais recibiron como resposta que as maxistradas que poderían oficializar o casamento non eran bilingües.
Por vía telefónica, dende o Rexistro Civil explicáronlle á parella que a opción sería contar cun tradutor. Tamén lles contaron como o anterior oficiante usaba o galego, mais dende a súa xubilación non contan con persoal que o poida facer en galego. “No rexistro quedaron sen este servizo de lingua e o que me sorprende é que aínda non teñan pensado que facer por garantir o uso do galego”, explica a veciña de Vigo.
“Eu quero a cerimonia en galego o mesmo día que teño fixado, e a poder ser no Rexistro Civil. Nun casamento onde todo o mundo vai ter o galego como lingua, ter que pórlle unha tradutora á persoa oficiante non é o que eu quero”, reclamou a afectada. Por iso, decidiu recorrer á Liña do galego, dende onde lle aconsellaron solicitar ao Rexistro Civil por escrito unha contestación formal á súa petición.
A parella afirma que, independentemente de como se resolva a voda, seguirán coa queixa “para que quen queira casar en galego no futuro non teña que pasar por isto ou cambiar a data da voda porque non se lle ofrece o galego como lingua vehicular na cerimonia”.
Ante o acontecido, a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística Elsa Quintas denuncia como “para acceder á carreira xudicial e exercer na Galiza o galego é un mérito, non un requisito” e critica o feito de que o uso do galego se aproxime a “unha cuestión de vontade” dos funcionarios e funcionarias. Por iso, recorda que o uso do galego entre non so nos xulgados, senón tamén en toda a Administración pública, é un dereito. Máis información en Nós Diario.