Os músicos Pauliña Chaves e César Morán participaron esta pasada semana no concerto de exalumnos da Facultade de Filoloxía e achegáronse ademais para reflexionar sobre a situación do galego na música e a evolución da lingua na sociedade. Ambos artistas compartiron experiencias persoais e profesionais, destacando a necesidade de ofrecer máis oportunidades á música en galego nos grandes escenarios e festivais. Ademais, ambos son licenciados en Lingua Galega: César Morán foi a primeira promoción da licenciatura da Galego-Portugués da USC. Pauliña, pola súa banda, licenciouse o pasado ano 2024 na Grao de Lingua e Literatura Galegas.
Pauliña, natural de Cambados e coñecida polo seu compromiso coa lingua galega como cantante, compositora e actriz, afirmou que “cantar en galego non debería limitarse só á música tradicional”. A cantante, que mestura estilos como o country, rock e blues, considera que hai un grande potencial na diversidade musical en galego, dende o trap ata o metal. “Non podemos pecharnos a facer só un tipo de música nunha lingua concreta”, engadiu.
Pola súa banda, César Morán, veterano músico e membro do primeiro grupo galego de jazz-rock con raíces folclóricas, o conxunto Agra, destacou o cambio experimentado dende os anos 70. “Naquela época, facer rock en galego era case unha excepción, pero era un compromiso coa lingua e coa cultura galega”, explicou. Para Morán, a aposta pola lingua propia na arte é unha forma de “construír país” e de axudar a manter viva a identidade cultural galega.
“Hai que vencer as barreiras mentais para falar galego”
Ademais do ámbito musical, a conversa entre ámbolos dous tamén abordou a situación do galego na sociedade. Pauliña compartiu a súa experiencia como neofalante, lembrando como no instituto decidiu dar o paso de falar galego pese a que ata ese momento a súa contorna familiar utilizaba maioritariamente o castelán. “A miña avoa dicíame que falando castelán tería máis oportunidades, pero eu sempre sentín que falar galego me facía diferente e, sobre todo, máis próxima á miña identidade”, comentou a artista.
A cantante tamén fixo un chamamento a superar os prexuízos históricos que aínda persisten arredor da lingua galega: “Quen non fala galego é porque ten demasiadas barreiras mentais. Temos que deixar atrás o medo e a vergoña de expresarnos na nosa lingua”.
Espazos para a música en galego: un reto pendente
Ambos músicos coincidiron na importancia de abrir espazos para a música en galego, especialmente nos grandes eventos musicais. “Sería moi positivo que nas cabeceiras de cartel dos festivais tamén houbese bandas en galego”, sinalou Pauliña, quen destacou que as festas das vilas e os pequenos concertos seguen sendo os principais escenarios onde se escoita a música na lingua propia de Galicia.
César Morán, pola súa parte, destacou que na súa época “todo o material publicitario, programas e entrevistas se facían en galego” e que esa normalización axudaba a crear un vínculo máis forte co público. “Agora hai máis ferramentas dixitais para difundir a música, pero tamén se corre o risco de que o contido quede no esquecemento moi rapidamente”, advertiu.
A charla pechouse cunha mensaxe de esperanza e de continuidade: “A música en galego ten que seguir explorando novos estilos e conquistando novos espazos. O galego é unha lingua tan válida como calquera outra para expresar todo tipo de emocións e de realidades”, concluíu Pauliña.