A asociación para a normalización do galego en Asturias Axuntar denunciou a suposta eliminación de comentarios críticos nas redes sociais da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) e do Parque Histórico do Navia tras a presentación da terceira edición das Normas ortográficas do eonaviego, celebrada o pasado 10 de marzo coa asistencia do presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón.
Nun comunicado, a entidade cualifica o sucedido como “un vergoñoso acto de censura” e asegura que as mensaxes publicadas por usuarios e divulgadores culturais foron primeiro ocultadas e posteriormente eliminadas. Segundo Axuntar, tras as críticas “bloqueouse por completo a posibilidade de comentar as publicacións nas redes sociais”.
O colectivo considera que este episodio está ligado ao debate lingüístico sobre a fala existente entre os ríos Eo e Navia, no occidente de Asturias, un territorio no que —segundo sosteñen— existe consenso científico sobre a súa adscrición ao ámbito galego.
Axuntar lembra que “hai un consenso científico comunmente admitido que certifica que na zona comprendida entre os ríos Eo e Navia, e en parte dos concellos de Allande e de Ibias, fálase unha lingua que forma parte do tronco lingüístico galaico-portugués e que é unha variante dialectal máis do galego oriental”.
Segundo a asociación, lingüistas e organismos internacionais como o Consello de Europa refírense a esta variedade como “galego (chamado galego-asturiano en Asturias)”. Pola contra, sinalan que o Goberno do Principado de Asturias e a Academia de la Llingua Asturiana promoven o termo “eonaviego”, que presentan como unha denominación diferenciada.
Para Axuntar, esta denominación supón tratar a fala da zona “como un idioma diferente ou unha variante que non se sabe se é do galego ou do asturiano”, unha interpretación que consideran contraria aos criterios filolóxicos maioritarios.
A polémica intensificouse tras a difusión nas redes sociais do acto de presentación das normas ortográficas do eonaviego. Segundo a asociación, o evento foi anunciado inicialmente polo Parque Histórico do Navia, mentres que a Academia da Llingua Asturiana non o publicitou previamente nas súas propias redes e limitouse a difundir imaxes unha vez iniciado.
Axuntar explica que diversos usuarios comezaron a comentar as publicacións lembrando o VI informe do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no que se cuestiona a política lingüística aplicada na zona e se emprega a denominación “galego (chamado galego-asturiano en Asturias)”.
Segundo a entidade, as institucións implicadas ocultaron primeiro as mensaxes e posteriormente eliminaron comentarios e restrinxiron a interacción nas publicacións, unha actuación que consideran incompatible co papel das institucións públicas.
“As redes sociais das institucións deben ser canles de comunicación bidireccional e non murais de propaganda”, sosteñen desde Axuntar, que entende que a eliminación de comentarios que citaban informes oficiais internacionais supón “un atentado contra a liberdade de expresión e o dereito á discrepancia”.
A asociación lembra que o Comité de Expertos do Consello de Europa, no seu informe de 2024, continúa referíndose á lingua da zona como “gallego (called Galician-Asturian in Asturias)” e recomenda reforzar as políticas de protección e visibilidade deste idioma.
Entre outras cuestións, o organismo europeo sinala a necesidade de reforzar a presenza do galego-asturiano nos medios públicos e promover vínculos coas outras comunidades galegofalantes, incluída Galicia.
Para Axuntar, estas recomendacións evidencian que existe un debate aberto sobre a denominación e a política lingüística aplicada na zona, que consideran necesario abordar desde o diálogo académico e institucional.
No seu comunicado, a asociación interpreta que a controversia arredor do termo “eonaviego” responde a unha estratexia que, ao seu xuízo, “fragmenta a unidade da lingua galega e propicia a súa asimilación dentro do ámbito asturleonés”.
Ademais, sosteñen que bloquear o debate público impide que a sociedade asturiana coñeza as discrepancias existentes entre diferentes sectores académicos e sociais sobre as normas lingüísticas presentadas.
Axuntar conclúe que a eliminación de comentarios nas redes sociais “revela unha debilidade argumental” e reclama que o debate sobre o futuro da lingua falada entre o Eo e o Navia se desenvolva con transparencia e base científica.