O Instituto da Lingua Galega (ILG), adscrito á Universidade de Santiago de Compostela (USC), convocou para o ano 2026 dúas axudas destinadas á realización de estadías de investigación no seu centro por parte de Persoal Docente e Investigador (PDI) visitante pertencente a universidades ou institucións de educación superior situadas fóra de Galicia.
A iniciativa conta con financiamento dunha subvención do Ministerio de Cultura e ten como finalidade apoiar actividades de investigación que se integren na axenda científica do ILG. As estadías deberán ter unha duración mínima de dúas semanas e máxima de catro, comezar tras a publicación da resolución da convocatoria e rematar antes do 15 de novembro de 2026. Non poderán desenvolverse no mes de agosto.
Contía e conceptos subvencionables
Cada unha das axudas terá unha dotación máxima de 1.500 euros, destinada exclusivamente a cubrir gastos de desprazamento, mantenza e aloxamento. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior a esa cantidade, aboarase unicamente o importe acreditado.
O aloxamento realizarase, de ser posible, nun cuarto individual do Sistema Universitario de Residencias (SUR). Se non houbese dispoñibilidade nas datas propostas, o ILG asumirá un máximo de 65,97 euros por día, conforme ás tarifas establecidas no Real Decreto 462/2002, sen que en ningún caso se supere o límite global de 1.500 euros.
No que atinxe á mantenza, establécese unha compensación diaria de 37,40 euros, tamén segundo o citado real decreto. A convocatoria recolle igualmente a obrigatoriedade de comunicar a percepción doutras axudas destinadas á mesma finalidade, co obxectivo de evitar que a suma total das subvencións exceda o gasto efectivamente realizado e xustificado.
Procedemento e documentación
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. A tramitación deberá realizarse a través do formulario habilitado para tal efecto, mentres que a documentación complementaria —que inclúe o currículo dos últimos dez anos, copia do DNI ou pasaporte e un documento de motivación e planificación da estadía segundo o modelo oficial— deberá remitirse por correo electrónico á secretaría do ILG.
A aceptación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases. O incumprimento dos requisitos ou a ocultación de datos poderá motivar a exclusión do proceso.
Avaliación e resolución
A Comisión de Selección, integrada polos membros da Comisión Permanente do ILG, valorará aspectos como a relevancia e viabilidade das actividades propostas, a súa vinculación coa axenda científica do instituto, os resultados previstos e o seu interese para o centro, así como a motivación, o currículo e a claridade expositiva das candidaturas.
Publicarase unha relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas no prazo de 15 días tras o peche do período de presentación. As persoas excluídas disporán de cinco días naturais para emendar deficiencias. Posteriormente, farase pública a proposta provisional de adxudicación, fronte á que se poderán presentar alegacións nun prazo de cinco días naturais.
Concederanse un máximo de dúas axudas. Se só unha candidatura obtén avaliación positiva, outorgarase unha única estadía; no caso de que ningunha sexa valorada favorablemente, a convocatoria poderá declararse deserta. Ademais, poderá constituírse unha lista de agarda para cubrir eventuais renuncias.
Entre as obrigas recollidas nas bases figuran a posesión dun seguro médico e de responsabilidade civil válido en España durante toda a estadía, a presentación dunha memoria final no prazo máximo de quince días desde a súa finalización e a mención expresa da realización da estadía e do financiamento recibido en calquera publicación ou resultado científico derivado da investigación.
O pagamento da axuda estará condicionado á entrega das facturas correspondentes aos gastos subvencionables, á presentación da memoria final e á verificación da veracidade da información achegada.
A resolución esgota a vía administrativa. Contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, ou ben recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou.
Con esta convocatoria, o ILG impulsa a colaboración científica con persoal investigador externo e reforza a dimensión internacional das súas liñas de traballo no ámbito da lingua galega.