O secretario xeral da Lingua, Valentín García, supervisou hoxe o desenvolvemento da primeira convocatoria do Celga realizada integramente en liña, un formato que espertou un notable interese ao rexistrar máis de 600 solicitudes para un total de 100 prazas dispoñibles. A proba, celebrada desde a plataforma tecnolóxica habilitada pola Administración autonómica, supón un cambio significativo no sistema de acreditación das competencias en galego.
Na sede da Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), García destacou que este paso permite “chegar a máis persoas no obxectivo de validar e acreditar o dominio do galego”, ao tempo que sinalou que “esta foi unha primeira experiencia que queremos seguir ampliando tendo en conta a gran demanda, tanto aumentando as prazas como os niveis”.
Segundo explicou, Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma con idioma cooficial en implantar un modelo telemático de avaliación lingüística, unha innovación destinada a facilitar que calquera persoa poida obter unha titulación oficial “sen limitación física ou xeográfica”.
A convocatoria deste sábado correspondeu ao nivel Celga 4, cuxas prazas se asignaron mediante un sorteo público celebrado o 5 de novembro, posteriormente publicado no Portal da Lingua. As solicitudes chegaron desde diferentes puntos de Galicia e tamén desde León, Asturias, Valladolid, Madrid, Murcia, Burgos, A Rioxa, Barcelona, Biscaia, Castellón, Zamora e mesmo Portugal, un dato que, para a Secretaría Xeral da Lingua, revela o potencial de expansión do novo sistema.
A Amtega asumiu o deseño e posta en marcha da plataforma dixital, así como o soporte técnico, monitorización e control en todas as fases: inscrición, probas previas e desenvolvemento do exame. A infraestrutura buscou garantir a seguridade, a dispoñibilidade e o correcto funcionamento dun procedemento que replica os criterios das probas presenciais.
O exame mantivo a mesma estrutura tradicional: unha parte escrita, cun máximo de tres horas de duración, e unha parte oral duns trinta minutos distribuída en catro bloques —lectura dun texto, resumo e exposición, e resposta a cuestións relacionadas—.
Para asegurar a integridade da avaliación, as persoas aspirantes debían manter activada a cámara web do ordenadordurante toda a proba, permitindo verificar que se realizaba de forma autónoma. Ademais, resultou obrigatorio o uso dun teléfono móbil como segunda cámara, achegando un punto de vista complementario co que reforzar o control do posto de exame.