Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

As comisións do Plan de Normalización da Lingua Galega pechan o proceso con máis de 1.400 propostas

As once comisións de expertos que traballaron nos últimos meses na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega veñen de concluír o proceso participativo previo á redacción do documento definitivo. O texto será entregado á Xunta de Galicia no marco do Pacto pola Lingua, segundo anunciou este martes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a súa intervención no Parlamento de Galicia.

Segundo explicou o responsable autonómico, o proceso contou con máis de 400 contactos e permitiu recompilar arredor de 1.400 propostas, que están a ser analizadas polas propias comisións para a elaboración do informe final. López Campos detallou que, unha vez rematadas as entrevistas e encontros, se decidiu ampliar os prazos de entrega “a petición das propias comisións”, co obxectivo de poder procesar toda a documentación “con total autonomía e capacidade de decisión”.

O conselleiro indicou que a previsión do Goberno galego é recibir o informe nas próximas semanas, paso previo á aprobación definitiva do plan. Nese contexto, sinalou que o Executivo continuará traballando para acadar “o maior consenso posible a favor do uso do galego” e cualificou o actual escenario como “un momento histórico para a nosa lingua”, no que a Xunta se compromete a poñer en marcha o plan de forma inmediata unha vez aprobado, cun enfoque transversal que implique a todas as áreas do Goberno.

Xunto ao proceso de actualización do Plan xeral de normalización, López Campos lembrou que, ao abeiro do Pacto pola Lingua, se impulsaron xa diversas medidas inmediatas destinadas a fomentar e prestixiar o uso do galego en distintos ámbitos sociais e profesionais. Entre elas, destacou a realización de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas dirixidos a persoas procedentes de fóra de Galicia, nos que participaron máis de 1.500 persoas.

Estas accións formativas complétanse con outras iniciativas específicas en sectores como o sanitario ou o da xustiza, así como cun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Facenda e Administración Pública. A través deste acordo, a Escola Galega de Administración Pública ofertará nos anos 2026 e 2027 un total de 100 cursos de linguaxe administrativa e xurídica en galego, incrementando en 250 prazas a oferta dispoñible con respecto ao ano anterior.

No ámbito da acreditación lingüística, o conselleiro puxo tamén en valor que no ano 2025 se desenvolveron por primeira vez as probas Celga en liña, unha iniciativa que recibiu máis de 600 solicitudes e que, segundo indicou, supón un avance no obxectivo de facilitar o acceso á certificación oficial do dominio da lingua galega a un maior número de persoas.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.