Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A toponimia de Carnota, ao detalle: 59 topónimos maiores e máis de 3.500 rexistrados

A Real Academia Galega vén de poñer á disposición do público dous novos traballos de investigación en materia de onomástica galega, accesibles na súa páxina web. Trátase, por unha banda, de Toponimia de Carnota, asinado por Alfonso Blanco Quintela, e, pola outra, de Estudos de Onomástica Galega X. Os nomes do mar, volume editado por Ana Boullón e Luz Méndez que recompila os relatorios presentados na X Xornada de Onomástica Galega, celebrada en outubro de 2025 en Pontevedra.

O primeiro dos volumes intégrase na colección Terra Nomeada e ofrece unha análise detallada de 59 nomes de lugar da toponimia maior do concello de Carnota, así como de oito topónimos de toponimia menor. Segundo destaca o resumo da obra, o municipio da Costa da Morte presenta unha elevada singularidade toponímica, ata o punto de que vinte dos nomes estudados poden considerarse únicos.

O traballo de Blanco Quintela continúa a liña iniciada co seu anterior volume dedicado á Toponimia de Muros (2023) e toma como base, entre outras fontes, os datos do portal colaborativo Galicia Nomeada, que recolle xa máis de 3.500 topónimos maiores e menores do termo municipal carnotán. O autor sinala como obxectivo ofrecer unha mostra representativa da riqueza denominativa dun territorio caracterizado pola súa densidade toponímica.

O estudo contextualiza os nomes de lugar no marco xeográfico e histórico do concello. Carnota sitúase no suroeste da provincia da Coruña, ao norte da ría de Muros e Noia, cunha superficie aproximada de 70,9 km² distribuída en cinco parroquias: Lariño, Lira, O Pindo, San Mamede de Carnota e Santa Comba de Carnota. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, en 2024 contaba con 3.809 habitantes, nunha tendencia demográfica descendente nas últimas décadas.

A configuración do territorio —cunha ampla chaira central, unha cadea montañosa oriental que forma un anfiteatro natural cara ao mar e máis de 30 quilómetros de costa areosa, entre eles a coñecida praia de Carnota— constitúe un dos factores que explican boa parte das motivacións toponímicas analizadas no volume. O macizo do monte do Pindo, cunha altitude máxima de 627 metros e catalogado como Zona de Especial Conservación na Rede Natura 2000, é outro dos espazos con presenza destacada no estudo.

No plano histórico, a investigación percorre a evolución administrativa do territorio desde a Antigüidade, coa referencia aos Supertamarci citados por Plinio o Vello, pasando pola época sueva e a reorganización altomedieval que deu lugar ao commisso de Carnota, documentado xa no ano 868. O volume tamén aborda episodios posteriores, como as tensións entre poderes laicos e eclesiásticos na Idade Media, as revoltas irmandiñas ou os cambios administrativos do século XIX que culminaron coa configuración actual do municipio.

Clasificación e análise estatística dos topónimos

Como é habitual na colección Terra Nomeada, o estudo inclúe unha clasificación dos topónimos segundo a súa motivación —configuración do terreo, accidentes marítimos, presenza de especies vexetais ou animais, labores e oficios, actuación humana, haxiotopónimos, entre outras categorías— e segundo a súa procedencia etimolóxica.

No conxunto da toponimia maior de Carnota, os datos amosan unha presenza significativa de nomes de motivación insegura, atribuída á antigüidade de moitos deles, mentres que na toponimia menor predominan amplamente os topónimos de orixe latino-romance, cunha porcentaxe próxima ao 99 %. Tamén se observa unha maior presenza de termos vinculados aos accidentes marítimos na microtoponimia, froito do labor de recollida impulsado pola Confraría de Pescadores de Lira e plasmado na obra Os nomes do noso mar (2008).

O volume subliña, ademais, a relevancia do estudo da toponimia galega nun territorio que presenta unha das maiores densidades de nomes de lugar de Europa. A análise dos topónimos permite, segundo se recolle na introdución, afondar tanto na historia lingüística como na evolución social e económica das comunidades que habitaron o territorio.

Os nomes do mar, protagonistas da X Xornada de Onomástica Galega

Xunto á Toponimia de Carnota, a RAG ofrece tamén en formato dixital o volume Estudos de Onomástica Galega X. Os nomes do mar. Editado por Ana Boullón e Luz Méndez, o libro recompila os relatorios centrados na talasonimia (nomes relacionados co mar) e na naonimia (denominacións de embarcacións), presentados na X Xornada de Onomástica Galega, celebrada en outubro de 2025 en Pontevedra.

Con esta publicación, a institución continúa a difusión dos traballos presentados nestas xornadas especializadas, que constitúen un espazo de encontro para investigadores e investigadoras do ámbito da onomástica.

A incorporación destes dous volumes á páxina web da Real Academia Galega reforza a accesibilidade aos estudos sobre nomes propios e nomes de lugar, nun contexto no que a investigación toponímica é considerada unha ferramenta para o coñecemento da lingua e da historia do país.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.