Dende a publicación do Libro Negro da Lingua Galega, Carlos Callón non deixa de percorrer vilas galegas presentando a súa obra, un libro que repasa máis de 500 anos da historia de Galicia, séculos durante os cales a represión do galego e a súa discriminación se fixo latente.
Agora, o Libro Negro da Lingua Galega cruza o Atlántico para chegar a Brasil, onde o escritor impartirá un ciclo de conferencias tendo como punto de partida a investigación que elaborou coa súa obra. Río de Janeiro, Salvador de Bahia e Niterói serán as cidades que darán a benvida a Callón, para coñecer máis en profundidade represión da lingua galega.
Con este ciclo, o escritor pretende “axudar a dar a coñecer internacionalmente que o galego existe, que ten unha historia e que a día de hoxe non contamos coa igualdade de dereitos necesaria para garantir o noso mañá”.
O día 22 a Universidade Federal da Bahia será a primeira en acoller a presentación do libro, inaugurando o semestre do Centro de Estudos da Lingua e da Cultura Galegas. O especialista na literatura galego-portuguesa Márcio Coelho Muniz acompañará a Carlos Callón, mentres que na segunda data, o 24 de agosto na Universidade Federal da Bahia, farao a a investigadora Thayane Gaspar. Pecha o ciclo a conferencia que terá lugar o 25 de agosto na Universidade Federal Fluminense de Niterói, nun acto presentado polo profesor Xoán Carlos Lagares.
As conferencias no Brasil dan comezo a unha xira que levará a obra de Carlos Callón por Europa e América, para espallar a historia de silenciamento do galego dende finais do s. XV ata o s. XX. Máis información en Galicia Confidencial.