A Mesa pola Normalización Lingüística valorou este martes a sinatura do convenio entre o Ministerio de Xustiza e a Consellería de Xustiza para a implantación do programa Atenea, a nova ferramenta de xestión procesual que por primeira vez podería permitir o uso do galego na tramitación xudicial. A entidade considera que se trata dun paso relevante, mais advirte de que a súa eficacia dependerá das garantías que se establezan na súa activación inicial.
A vicepresidenta da organización, Elsa Quintas, lembrou que “para que a incorporación do galego sexa realmente efectiva, ten que ser simultánea dende a activación do programa”. Segundo indicou, o risco de que a lingua propia quede nun segundo plano está directamente ligado ás condicións técnicas coas que se integre no sistema.
Unha das preocupacións centrais é a posibilidade de que o galego se incorpore mediante tradución automática, unha opción á que aludiu o director xeral de Xustiza na súa comparecencia do 7 de novembro na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia. Naquela intervención, o responsable afirmou que “non sabemos como vai ser a tradución, se automática ou por equipos”. Para A Mesa, esta incerteza afecta directamente á calidade documental: “Xeraría enorme desconfianza nuns documentos que non deberían conter erros nin dar lugar a malas interpretacións” e “desincentivaría o seu uso a favor da versión máis fiábel en español”, advertiu Quintas.
A entidade vincula esta preocupación coa ausencia de partidas específicas nos orzamentos de 2026 para a tradución do programa, tanto no departamento de Xustiza como na AMTEGA ou na Secretaría da Lingua. A falta de dotación económica, indican, reforzaría o risco de que non haxa equipos profesionais encargados da integración lingüística.
A Mesa lembra tamén que Galicia continúa empregando o programa estatal de xestión xudicial, que ata o de agora impedía o uso directo do galego, a pesar de que a comunidade ten transferidas as competencias da administración de xustiza. Destacan que outras autonomías —como Andalucía, Canarias, Cantabria, Cataluña, Navarra, Valencia, País Vasco ou Madrid— dispoñen dos seus propios sistemas e permiten unha incorporación máis directa das linguas oficiais.