Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A lectura en galego centra a nova campaña da Deputación da Coruña

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña puxo en marcha unha nova edición da campaña ‘Un outono cheo de letras’, unha iniciativa que permanecerá activa ata mediados de decembro co obxectivo de promover a lectura en galego e subliñar o seu papel na dinamización social da lingua. A acción desenvolverase fundamentalmente nas redes sociais, onde se empregará o cancelo #UnOutonoCheodeLetras para impulsar a participación cidadá.

A campaña lembra que detrás de cada volume publicado en galego existe o labor de múltiples profesionais da edición e que mercarlle ás librarías da provincia e escoller libro en galego contribúe directamente á vitalidade lingüística e cultural do país. Desde a Deputación destacan que ler na lingua propia supón “unha forma de afirmar a identidade, de conectar co territorio e de preservar a riqueza lingüística que nos define como pobo”. A iniciativa anima tamén a explorar novas voces literarias e a concibir o libro como un motor de transformación social.

As persoas usuarias das redes sociais volverán ser protagonistas da difusión da campaña. Quen interactúe cos contidos publicados pola Deputación entrará no sorteo de dez bonos-libro, cada un por valor de 100 euros, que poderán empregarse en calquera libraría da provincia da Coruña. En edicións anteriores, estes vales foron utilizados en establecementos de municipios como Cambre, Zas, Santa Comba, Sada, Noia, Oleiros, Santiago de Compostela, Carballo ou A Coruña, entre outros.

Ademais de fomentar a lectura, #UnOutonoCheodeLetras servirá para visibilizar os certames literarios promovidos pola Deputación, destinados a apoiar a creación cultural en galego. Entre eles atópanse o Premio Torrente Ballester de narrativa, o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o González Garcés de poesía, o Rafael Dieste de teatro e o Manuel Murguía de ensaio.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.