Neste mes de novembro a Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) convida á comunidade educativa a celebrar o XV Día da Ciencia en Galego poñendo o foco nun campo de estudo tan ambicioso e complexo coma fascinante: a astronomía. Unha disciplina que actualmente non se cingue ao ámbito académico senón que esperta interese na socidade en xeral, e así nolo demostra a crecente demanda dos “destinos turísticos Starlight“, escenarios con características especialmente propicias para a observación do firmamento que son considerados tamén parte do noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural.
Desde o equipo de Proxector adherímonos a esta conmemoración cunha nova selección audiovisual coa que te convidamos a achegarte a algúns dos enigmas que aínda agocha o Universo desde diferentes ópticas: a astrofísica, a astrofotografía, a exploración espacial, a observación astronómica ou a perspectiva de xénero. E se esta viaxe intergaláctica se che fai pequena, en Proxector temos 60 recursos para seguir profundando no tema.
O CEO DE OUTONO
Tes pensado facer algunha saída astronómica este outono? Xabier Pérez Couto explícache neste vídeo (7´ 03´´) cales son as principais constelacións que podes atopar no ceo durante esta estación, e tamén che fala dos obxectos do ceo profundo.
Que estuda a astrofísica?
Vídeo didáctico (1´), difundido pola Área de Cultura Científica da UVigo, no que descubrirás de xeito rápido e sinxelo, da man da investigadora Ana Ulla, cal é o obxecto de estudo da rama da astronomía que denominamos “astrofísica”.
O evento de Traspena
Manuel Andrade Baliño, profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, preséntanos (desde 1´ 51´´ ata 33´ 34´´) a investigación realizada na USC arredor do meteorito de Traspena, que constitúe un fito na astronomía galega, ao tratarse da primeira caída ben documentada dun meteorito en Galicia, e tamén da primeira ocasión na que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica se realizan por investigadores do país, concretamente da USC.
Esta charla académica impartiuse no marco do acto de presentación do meteorito de Traspena, que tivo lugar o 13 de xaneiro de 2023 no Museo de Historia Natural da USC.
Antonia Ferrín Moreiras e outras mulleres astrónomas
Nuria Richer, coordinadora do grupo “Muller e Astronomía” da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, fálanos nesta charla divulgativa (43´ 30´´) da astrónoma galega Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller que realizou unha tese sobre astronomía en España. Tamén nos presenta outras mulleres que ao longo da historia foron referentes nesta área, incidindo nos atrancos e na desigualdade de xénero que aínda existen actualmente no campo da investigación astronómica.
A charla tivo lugar en xullo de 2022 no marco do ciclo “Falando de natureza”, organizado polo Grupo Naturalista Hábitat.
Material complementario:
–Materiais didácticos sobre astronomía
O luceiro da mañá
Grazas á aplicación Stellarium, a Casa das Ciencias da Coruña ofrécenos a posibilidade de observar o ceo nocturno desde a casa como se estivésemos nunha sesión do seu planetario. Neste vídeo didáctico (3´ 30´´) terás a oportunidade de observar o astro máis brillante despois do Sol e da Lúa: o planeta Venus.
Grazas á aplicación Stellarium, a Casa das Ciencias da Coruña ofrécenos a posibilidade de observar o ceo nocturno desde a casa como se estivésemos nunha sesión do seu planetario. Neste vídeo didáctico (3´ 30´´) terás a oportunidade de observar o astro máis brillante despois do Sol e da Lúa: o planeta Venus.
O camiño do Sol a través da paixaxe
Fernando Rey Daluz, biólogo especializado en imaxe científica e astrofotografía, explícanos nesta charla (26´ 08´´) como afecta o percorrido do Sol e mais o solpor na paisaxe, desde o punto de vista da creación e produción de contidos gráficos de temática astronómica. Así mesmo, preséntanos un dos proxectos nos que participa: Solpor Fisterra, que conseguiu monitorizar o percorrido e as postas de Sol desde o Cabo Fisterra.
Esta charla tivo lugar no marco de A luz da ciencia. Dolmen de Dombate. Aulas científicas 2021, unha iniciativa dirixida por Jorge Mira e organizada pola Deputación da Coruña e mais o Concello de Cabana de Bergantiños.
Partículas con velocidades imposibles: que son os raios cósmicos?
A radiación cósmica é un tema complexo e escasamente tratado que presenta aínda moitas incógnitas. Neste vídeo divulgativo (4´ 52´´) Mauro Garrido explícanos que son os raios cósmicos, de onde veñen estas partículas e por que teñen velocidades tan altas.
Este traballo recibiu unha mención de honra no VI Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, organizado en 2023 polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.
As tres leis de Kepler do movemento planetario
Vídeo de divulgación científica (3´ 20´´) no que Xabier Pérez Couto nos explica, na súa canle AstroXabi, en que consisten as tres leis de Kepler, fundamentais para comprender a mecánica de calquera sistema planetario. Johannes Kepler foi un matemático e astrónomo alemán que no século XVII revolucionou o coñecemento científico sobre o movemento dos planetas e as súas leis serviron de inspiración para a lei da gravitación universal, formulada por Isaac Newton.
O sistema solar
Neste vídeo didáctico (6´ 55´´) Blanca Castro Gerpe, profesora de Xeografía e Historia no IES Lucus Augusti, fálanos do sistema solar, un conxunto de corpos celestes formado polo Sol e polos planetas, satélites, cometas e meteoros que xiran arredor del.
A peza está dirixida a alumnado de 1º da ESO.
A procura de vida máis aló do sistema solar
Isabel Rebollido Vázquez, investigadora na Axencia Europea do Espazo (ESAC) en Madrid, fálanos nesta charla divulgativa (46´ 13´´) das condicións que serían agardables para poder atopar vida máis aló do sistema solar.
Esta charla tivo lugar en xuño de 2024 no marco do curso Fronteiras, desde a orixe do universo ata a exploración espacial, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias.
Saíndo dun buraco negro
Conferencia (33´ 47´´) impartida por Stephen Hawking no marco do acto de entrega do I Premio Fonseca, que a Universidade de Santiago de Compostela outorgou en 2008 ao recoñecido físico británico e doutor da Universidade de Cambridge. O doutor Stephen Hawking fálanos na súa charla do fenómeno dos buracos negros e das súas investigacións sobre a materia.
Eu cambiei a astronomía para sempre. El gañou o Premio Nobel por iso
Documental (16´ 17´´) de Ben Proudfoot para o New York Times (serie “Almost Famous”) sobre a científica Jocelyn Bell (Irlanda do Norte, 1943), autora dun descubrimento astrofísico fundamental: os púlsares, estrelas de neutróns en rápida rotación que emiten radiacións moi intensas a intervalos regulares. Este descubrimento foi recoñecido en 1974 co Premio Nobel de Física, mais non foi ela quen o recibiu, senón o seu director de tese, Anthony Hewish.
Os subtítulos en galego foron inseridos por Martin Pawley a través da plataforma Amara.
información recollida de PROXECTOR Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía a través da páxina web institucional que estás a ver.