A Juventude Unida dos Países de Língua Portuguesa (JUPLP) dirixiuse ás comisións responsables da renovación do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) para reclamar un papel máis destacado da mocidade no deseño das políticas de normalización do galego. A organización internacional, que promove a cooperación entre os territorios lusófonos, trasladou as súas propostas a través dunha carta aberta, onde expón medidas concretas para fortalecer o galego e reforzar a súa conexión coa lusofonía.
Propostas para un galego máis forte e internacional
A JUPLP sinala que as accións adoptadas no marco do PXNLG terán un impacto determinante nas próximas xeracións e considera esencial incorporar a xuventude no proceso. Entre as súas cinco propostas principais, destacan:
- Introducir o ensino do portugués como ferramenta para fortalecer o galego e mellorar as competencias internacionais da mocidade.
- Promover materiais audiovisuais en galego, garantindo unha maior competitividade neste ámbito.
- Facilitar o acceso a contidos en portugués procedentes de Portugal e Brasil nas escolas, bibliotecas e medios públicos galegos.
- Eliminar barreiras burocráticas para favorecer a mobilidade académica e profesional da mocidade galega nos países lusófonos.
- Fomentar unha maior aproximación normativa ao portugués internacional, mantendo o estándar galego, para reforzar o prestixio da lingua.
“Acreditamos que estas medidas contribuirán a un galego máis forte, máis presente e mellor valorado”, subliña a organización na súa carta.
A JUPLP critica a ausencia de persoas menores de 40 anos nas comisións que coordinarán o PXNLG, algo que, segundo indican, pode prexudicar a eficacia das políticas debido á falta de perspectiva sobre as realidades e desafíos das novas xeracións. ‘As decisións que se adopten agora deben atender as necesidades da mocidade, que é quen vivirá os efectos destas medidas no futuro’, apuntan.
A carta aberta destaca tamén o potencial do galego como ponte cultural e lingüística co espazo lusófono, recoñecido legalmente pola Lei Paz-Andrade. Para a JUPLP, aproveitar esta vantaxe é clave para revitalizar o idioma, tanto en Galicia como no conxunto dos países de lingua portuguesa.
Sobre a JUPLP
Creada en 2020, a JUPLP é unha organización que promove a lingua e a cultura como ferramentas de cooperación global entre territorios lusófonos, incluíndo Galicia desde 2023. A entidade organiza actividades en cidades como Vigo, Santiago e Pontevedra, e traballa para integrar o galego no contexto internacional lusófono.