Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid fanse cos premios autonómicos de literatura dramática

De forma bienal, a Xunta de Galicia convoca tres premios de literatura dramática que, desta volta, levaron as creacións de AveLina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid. Adicados ou vencellados á dramaturxia, dende a súa redacción ata a súa interpretación, os galardoados foron receptores dunha dotación económica que, en conxunto, suma 26.000 euros. Liberdade, Guerra Civil, crianza e crítica ao sexismo son as premisas das pezas recoñecidas.

No caso de AveLina Pérez, obtivo o “XXVII Premio Álvaro Cunqueiro” para textos teatrais coa obra Incidencia muller pedra, mentres que Carlos Labraña resultou dobremente galardoado ao conseguir o “XIII Manuel María de literatura dramática infantil” por O carteiro de Ximaraos e o “XVI Barriga Verde para teatro de monicreques” na modalidade de adultos por O Faro. O “Barriga Verde” na categoría de textos para público infantil é para Andrea Cid Freire por Manchea.

XURADO

Mariana Fernández ocupou o espazo de presidenta do xurado na presente edición, xunto con Fernando Castro Paredes, Iván Fernández, Dani Salgado, Eva Mejuto e María Torres como vogais. Para o seu ditame, foron valorados un total de 107 orixinais, dos que 62 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 18 ao Manuel María, 19 á modalidade infantil do Barriga Verde e oito á categoría de teatro para adultos deste mesmo premio.

FILOSOFÍA, SOCIEDADE E REIVINDICACIÓN DO INDIVIDUO

O “Álvaro Cunqueiro” cae nas mans de AveLina Pérez, cunha formación actoral, por segunda vez, logo do seu primeiro recoñecemento en 2018 por Ás oito da tarde, cando morren as nais, obra que foi levada a escena en 2022 polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Marta Pazos e traducida tamén ao portugués e ao francés.

Desta volta, a súa autora resultou premiada por Incidencia muller pedra, obra que o xurado define como un canto á liberdade individual cunha “enorme carga poética”, a partir da que se constrúe “un retrato moi íntimo da protagonista, ao tempo que se poñen na mesa grandes temas de transcendencia filosófica e social: a alienación, a moralidade social e o papel do individuo fronte a sociedade”. A acta destaca, así mesmo, a posta en valor “dunha voz de muller non normativa, sen apelar a lugares comúns, a perspectivas ortodoxas” a través dunha historia “singular e lúcida”, que foxe do convencional para se presentar como unha peza “emocionante, delicada e profundamente intelixente”.

GUERRA CIVIL E CRIANZA A TRAVÉS DUN REALISMO MÁXICO

O dramaturgo Carlos Labraña repite tamén a recepción do “Manuel María” para textos teatrais, que levou en 2016 por O valo, sobre o drama dos refuxiados. Agora faise coa 13ª edición deste galardón con O carteiro de Ximaraos, ademais de coa 16ª do “Barriga Verde” de textos para teatro de monicreques, na modalidade de adultos, con O Faro.

Ao respecto de O carteiro de Ximaraos, valorouse especialmente a súa temática, que aborda “dun xeito sensible” a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. A importancia da memoria, a tradición e a transmisión do legado familiar están tamén presentes na obra, da que o xurado subliña igualmente a súa calidade dramática, a detallada construción das personaxes e o emprego dunha linguaxe simbólica e metafórica, incluíndo elementos de realismo máxico.

En canto a O Faro, a acta defínea como “unha peza teatral profundamente evocadora, unha mostra da potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal”. A historia conta a vida do fareiro galego de Torre del Mar (Málaga), quen tivo a valentía de manter as luces apagadas para axudar as miles de persoas que fuxían durante A Desbandá, un dos episodios máis terribles e esquecidos da Guerra Civil.

RACHANDO COS PAPEIS TRADICIONAIS

Andrea Cid Freire, mestra de pedagoxía terapéutica, é recoñecida co “Barriga Verde” na modalidade de textos para a rapazada por Manchea. O xurado fai fincapé na súa capacidade de “xogar a desmontar os tópicos sexistas dos contos tradicionais” para lles dar a volta e reformular os papeis tradicionais a través da crítica social e “cunha linguaxe rica e áxil que mestura humor e elementos fantásticos, cun destacado uso da rima e a eufonía”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.