“Abride esa fiestra, que quero ver o mar”. Estas foron as derradeiras palabras de Rosalía de Castro antes de finar no ano 1885. Veñen ao caso porque fían unha boa metáfora da experiencia común de moitas persoas neofalantes, isto é, aquelas que conscientemente deciden cambiar do seu idioma inicial a unha lingua minorizada. Coma quen abre a fiestra de Rosalía de Castro, comezar a falar outra lingua, neste caso o galego, dá a chave para descubrir unha cultura na súa totalidade, tal coma o mar na súa inmensidade. Para moitas persoas, rehabitar o galego forma parte dun proceso de deconstrución e supón atoparse a si mesmas. Para outras, o galego convértese na porta de entrada a novos espazos, novas inquedanzas, novas amizades… Porque toda lingua trae canda si un mundo novo por explorar.
DESCUBRIR QUEN SON A TRAVÉS DA LINGUA
Á profesora Pilar Ponte, converterse en neofalante demostroulle que á marxe da lingua é difícil “vivir” a cultura galega, e que falando en galego non se ven as mesmas cousas ca falando en castelán. “É coma cando configuras un buscador nas dúas linguas: fas a mesma consulta pero dáche diferentes resultados”. Para ela, igual que para todas esas xeracións que medraron nos anos 60, 70 ou 80 no seo de familias que marcharon do rural para as cidades, reapropiarse dun idioma que estaba “secuestrado polos adultos” supuxo unha “reivindicación da casa propia”. “Eu vivía nun fogar no que o autoodio estaba moi instalado, falar castelán era un mérito”, relata. Iniciarse no galego foi, daquela, atoparse e entenderse. “Na escola descubrín que había unha cultura e unha lingua que era herdanza miña e da que me privaran sen consentimento, empecei a cuestionarme por que a min non se me transmitira”, explica.
A súa historia de concienciación lingüística corre parella á de Xurxo Souto, escritor e un dos máximos expoñentes do movemento bravú que rachou co tópico de que o galego non valía para rock. Ambos medraron nunha Coruña que estaba saíndo da ditadura e onde o castelán se erixía como “a lingua da vida pública”. “Dar o paso cara ao galego foi un proceso de restitución lóxico, fun dono do mundo e tiña un mundo que compartir. Entón entendín quen era eu, e entendín que a miña lingua non era o castelán. O castelán era unha ficción que facían os meus pais para comigo, que inmediatamente pasaban ao galego cando falaban entre eles. Foi unha auténtica revolución persoal a que vivín. Abriume todas as portas, porque falar galego converteume en protagonista da miña vida”, explica.
As experiencias de persoas como Xurxo Souto ou Pilar Ponte evidencian como a lingua atravesa as historias vitais. No caso de Xurxo, os vínculos forxados entre lingua e música abríronlle o camiño a “coñecer un país diverso que non nos explicaran na escola e que non aparecía nos medios”. “Deixamos de ser espectadores dunha realidade que nos condenaba a ser periferia para converternos no centro do noso mundo, e dende aí, dialogar con todos os pobos”. No caso de Pilar, o seu proceso de conversión do castelán para o galego rematou en activismo lingüístico a través do proxecto ’21 días en galego e +’ no ensino: “Agora, ao meu alumnado, eu teño que darlle as ferramentas para que tamén poida facer esa mudanza, para que sexa libre, porque a liberdade lingüística non está en escoller a lingua que se aprende, está en ter as dúas linguas en competencias iguais. Se non, a miña escolla sempre estará condicionada”.
Así pois, hai persoas neofalantes para as que o proceso de mudar de idioma conecta cunha cuestión de identidade e de desaprender “o imposto”. Marta Salutregui, unha moza ferrolá que comezou a falar galego hai case un ano, conta que este paso formou parte da súa “deconstrución”, “de desaprender o que se me impuxo dende que nacín, por iso me supón ter máis liberdade”, agrega. E Nee Barros, estudante de filoloxía galega, escritore e creadore de contido, relaciona o galego coa lingua “em que podo ser eu mesme”. A mudanza de idioma desenvolveuse ao mesmo tempo que a mudanza social como persoa trans, e deste xeito, “o galego forma parte da minha identidade, assim como também o meu nome, inventado e escolhido por mim; ou os meus pronomes, o neutro elu e o masculino ele”.
EXPERIMENTAR NOVAS SUBXECTIVIDADES
Detrás destas decisións sempre hai unha reflexión sobre os comportamentos lingüísticos propios e da contorna, un camiño que leva a experimentar unha nova subxectividade e que pode descubrir novos intereses. A Juan Vergara, vigués asentado en Bruxelas, o proceso de abandonar un uso diglósico da lingua fixo que se acabara interesando pola sociolingüística e desenvolvera traballos sobre a lingua desde a KU Leuven, en Bélxica. Ademais, copresenta un podcast, Fóra de Mapa, que afonda na historia dos pobos e nacións sen estado en Europa. E é que converterse en neofalante pode guiarte cara a novas sensibilidades, inquedanzas, espazos e mesmo amizades. A lingua nunca ten que ver única e exclusivamente co coñecemento lingüístico, senón que é creadora de moitas realidades. “Trátase dunha cuestión emocional, de sentimento, de pel”, en palabras de Ponte.
“A min o galego abriu-me muitas portas. Como escritore, puidem publicar dous livros em galego: 19 poemas para um VÍRUS-19 e Identidade. A normalidade do non-común; e puidem chegar a participar em muitos certames com os que temos a sorte de contar na nossa língua. Por outro lado, também tenho um canal do YouTube onde falo de literatura (tanto resumos para as ABAU como recomendaçons) e género. Formar parte da comunidade do YouTube em galego, des youtubeires, permitiu-me topar um monte de apoios que me ajudarom a crescer, e também outres criadories des que gosto muito! Se nom falasse esta língua, nom conheceria algumas das minhas melhores amizades de hoje”, explica Nee Barros.
Precisamente as redes sociais convértense en moitas ocasións en “grandes aliadas” para dar o paso cara ao galego, e ao mesmo tempo, son plataformas nas que construír espazos propios e seguros a través da lingua. Alba Rodríguez, moza neofalante en Vigo, atopou en Twitter “moito apoio e folgos” cando decidiu facer público a través dun chío a súa intención de cambiar de lingua. “O galego abriume un novo mundo nesta rede social, axudoume a coñecer xente estupenda! Nunca mo imaxinara”, explica. Da man do galego tamén mudou certos costumes: “Empecei a mercar produtos do país, por exemplo”; e gañou maior confianza en si mesma por “lograr a súa meta”.
E o máis gratificante para Rebeca Bande? “Poder falar, visibilizar e transmitirlle a miña lingua ás miñas crianzas. O galego precisa moito de crianzas que o falen e que o sintan”, di esta ourensá asentada en Vigo, que se ben foi educada en castelán, agora ela educa en galego. O fenómeno do neofalantismo permite -e o caso de Rebeca Bande demóstrao-, converter a lingua galega na lingua materna da descendencia dunha xeración que tomou o galego como unha opción persoal. É por isto que o sociolingüista Fernando Ramallo explica que o neofalantismo é un fenómeno “limitado no tempo” e que tería que rematar na medida en que estas persoas neofalantes transmitan a lingua ás súas crianzas. Con todo, advirte Ramallo, este escenario non está garantido: “Para que iso aconteza, deben cambiar radicalmente as condicións estruturais e superestruturais da Galicia actual”.
Porén, máis alá do modelo tradicional de transmisión interxeracional da lingua no seo das familias, hai outra fórmula clave que implica tamén o ocio, os deportes e os múltiples quefaceres cotiás como actividades fundamentais na socialización das persoas e onde a lingua ten que estar presente para multiplicar os motivos polos que unha persoa opte polo galego. É o que se coñece como “transmisión horizontal” e pasa por tecer vínculos co galego máis alá da ‘casa’. Ter música de todos os estilos, contido diverso nas redes, cinema, xogos en galego… axuda xustamente a impulsar esta transmisión horizontal, ao xerar múltiples contextos de fala e sacar a lingua das aulas para vinculala á vida do día a día.
Ao fío disto, Xurxo Souto apela a falar galego polo simple -e non tan simple- feito de que “nos ofrece os mellores contidos”. “Todos estes proxectos que fan rap, trap, música electrónica, jazz, en galego, son extraordinarios, enganchan á xente e lévana cara á lingua. Xa o vimos na nosa xeración co Xabarín Club. Esas cancións quedaron para sempre con toda unha xeración. E cantábanas porque estaban en galego? Non, cantábanas porque eran boas cancións e porque tiñan o aquel de orixinalidade”.
CONECTAR CO MUNDO LUSÓNOFO
Contra os prexuízos que vinculan o galego só co rural ou que din que é un idioma sen utilidade, a propia realidade ofrece centos de evidencias que os desmontan. Pilar Ponte, como profesora no IES da Pobra do Caramiñal, observa que as maiores reticencias á lingua galega veñen da crenza de que o galego non serve. Neste sentido, apunta que “temos que ter en conta que estamos falando dunha sociedade que vive bastante de costas ao mundo da lusofonía. Hai moito descoñecemento e lamentablemente segue habendo bastante rexeitamento á hora de abrirse ás conexións co portugués”. Mais sen dúbida, esta é unha vía que non pode deixarse de lado. Nee Barros, cuxa postura é a binormativista, explica que o reintegracionismo lle permite “conectar com outras variedades do que eu considero a mesma língua”. E prosegue: “Como defende o Jon Amil, se no Brasil, Portugal e no resto da lusofonia também dim MINHOCA, JOANINHA e CARVALHO; o que ganhamos nós escrevendo MIÑOCA, XOANIÑA e CARBALLO?”.
E é que lonxe de seren barreiras, os idiomas que nos habitan son oportunidades para novos ‘eu’, para novas experiencias, subxectividades, vínculos e mesmo amizades. Hai quen di que a lingua galega pecha portas, mais será porque non viron as tantísimas fiestras que abre.