Anxos Sobriño Pérez, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua
Eu expreseime en galego desde que comecei a falar. Non é mérito meu, foi decisión, consciente ou non, das persoas adultas que me rodeaban; tamén xogou un papel importante no mantemento da lingua o ambiente en que me criei, onde os nenos e as nenas falaban galego coma min. Considéroo unha sorte que non tiveron moitas outras persoas da miña xeración. Este privilexio de ser galegofalante desde a infancia non evitou que atravesase períodos fortemente diglósicos, onde mudaba de lingua segundo os interlocutores, pero tamén me facilitou superalos e chegar a unha práctica consciente en galego hoxe.
Sei que non é sinxelo mudar a lingua habitual de comunicación, sobre todo cando tomamos partido pola menos favorecida, e sinto moita admiración polas persoas que se converten en galegofalantes na adolescencia ou na idade adulta. Comprendo que é un paso difícil de tomar, atravesado por moitos condicionantes sociais nada facilitadores. Por iso coido que as persoas que falamos galego temos a responsabilidade de axudar a outras persoas a percorrer o camiño de recuperación da lingua de noso.
Desde a miña postura privilexiada, pero tamén consciente e reflexiva, atrévome a dar un par de recomendacións sobre o que podemos facer individualmente os galegofalantes para facilitar a outras persoas incorporaren o galego ás súas vidas. Con estas propostas non quero minimizar a responsabilidade da política lingüística institucional nin substituíla. As obrigas legais das institucións na promoción do uso e do prestixio da lingua son indiscutibles e van máis aló de accións puntuais ou voluntaristas; o labor institucional debe ser firme, planificado, transversal, continuado no tempo e coherente, procurando sempre avances, pois non avanzar nunha situación de minoración lingüística é sinónimo de retroceder. No entanto, nós, como cidadás e cidadáns preocupados polo futuro da nosa lingua, tamén contribuímos con pequenas accións que poden ter un efecto multiplicador na sociedade.
O primeiro consello é termos unha actitude que favoreza e facilite o uso do galego ás persoas que nos rodean. A estratexia é ben doada: falármolo nós de forma natural en todo tipo de situacións e con calquera persoa. Parece obvio, mais non sempre o é. Cantas veces non acabamos por converxer en castelán con persoas que non falan galego?, cantas veces nos vemos arrastrados a renunciar á nosa lingua cando nun grupo unha persoa non a fala? Debemos mudar a actitude e non presupor que unha persoa que non fala habitualmente galego tampouco quere escoitalo; é moi probable que o entenda sen problema ningún e tamén que sexa capaz de falalo.
Hai moitas persoas que non teñen contextos para practicar galego, non coñecen a ninguén que o fale habitualmente e necesitan un pequeno impulso para comezar a conversar na nosa lingua. Ese pulo pode ser interactuar con persoas que o falamos con naturalidade. Posiblemente non nos van pedir que nos dirixamos a elas en galego, pois adoita resultar incómodo pedir a outra persoa que mude de lingua. Ese primeiro camiño da conversa en galego debemos abrilo nós, pois somos as persoas máis seguras lingüisticamente para transitar por el.
Ao mellor a conversa desenvólvese nas dúas linguas a primeira vez, quizais tamén a segunda e a terceira…, pero con certeza encontrarémonos coa agradable sorpresa de termos conversas en galego grazas a que nós non ocultamos a nosa lingua. Convertámonos, pois en motores da lingua, como nos recomendou neste vídeo do LGx15 Eira Losada, e deámoslles a oportunidade a outras persoas de falar en galego, aínda que sexa parcialmente. Ese uso ocasional pode aumentar pouco a pouco e, por que non?, chegar a ser maioritario.
A actitude de uso proactivo do galego tamén podemos tela coas persoas de fóra. Non deamos por sentado que unha persoa estranxeira ou de fóra da nosa comunidade lingüística non se sente cómoda escoitando galego. Compartamos con ela a nosa lingua e a satisfacción de decatarse de que pode entendela sen moita dificultade. Por outra parte, que unha persoa sexa de fóra, que fale cun acento que nos resulte estraño, non implica que non entenda galego, nin sequera que non o fale. O proxecto Sotaques da edición galega do dixital El Salto mostrounos algúns bos exemplos e nós podemos contribuír a que haxa máis grazas á nosa actitude.
Outro grupo de poboación que necesita máis ca nunca que usemos o galego con el son os nenos e as nenas. En primeiro lugar, non presupoñamos que por seren de pequena idade non falan nin entenden galego. Non hai moito unha persoa que traballa con nenos díxome que non lles fala galego aos máis pequeniños porque ten medo de que non a entendan. Precisamente non falarlles é o que vai facer que carezan dun contacto fluído co galego e que máis adiante poidan ter dificultades para entendelo e falalo. Non importa a lingua que falen os nenos e as nenas: escoitaren galego con naturalidade vai ser positivo tamén se falan castelán, pois permitiralles ter unha relación coa lingua que ao mellor non acadan por outros medios. Non lles facemos ningún favor ocultándolles que o galego é unha lingua que se fala con naturalidade. Non contribuamos a facelos descoñecedores da existencia da nosa lingua.
A segunda recomendación é sermos comprensivos cos tempos das persoas que incorporan o galego á súa práctica lingüística. Para convertérense en galegofalantes, algunhas optan por unha mudanza completa nos seus usos lingüísticos e outras precisan dar pasos progresivos, procurar os contextos máis propicios e incluso non chegan a usar o galego sempre. Cómpre respectarmos estas escollas, pois son as que lles van proporcionar a seguranza necesaria para dar o paso. Tamén debemos ser respectuosos cos seus erros e coa súa necesidade de aprender; a aprendizaxe é un proceso que leva tempo e é necesario ter erros para superalos pouco a pouco. Cada persoa empregará os seus propios métodos de aprendizaxe, que poden incluír a nosa axuda, o noso exemplo ou simplemente a nosa comprensión.
Non nos consideremos máis lexitimados para dar consellos sobre calidade ou cantidade por levarmos máis tempo falando galego. Nestes aspectos o tempo só é un factor máis, nin sequera é o máis importante, pois tamén pode ser unha pexa para superar as inercias das interferencias asentadas (eses buenos, rodillas ou grifos que nos custa desbotar porque “sempre dixemos así”). Todas as persoas somos neofalantes nuns ou noutros aspectos e non debemos situarnos moralmente unhas por riba das outras. Non axudaremos a incorporar máis falantes á nosa lingua se cuestionamos as persoas por non falar tan ben ou tan rápido como queremos: moitas necesitan un tempo que debemos concederlles.
O obxectivo das persoas que falamos moito, bastante, pouco ou case nada galego (mesmo de moitas que non falan nada) é recuperarmos espazos para a nosa lingua e pular por que continúe a ser o que mellor nos define. Loemos pois as decisións das persoas que incorporan o galego á súa vida, apoiémolas e animémolas. Necesitamos unhas das outras para que o futuro da nosa lingua sexa tan vizoso como desexamos.