O Consello da Cultura Galega acolle este xoves, 4 de novembro, a xornada presencial dos XXIII Encontros para a normalización lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), arquivo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os vídeos, que foron gravados e subidos previamente, pon o acento nesta ocasión na creba da transmisión interxeracional, un aspecto que cualifican como grave os estudos e informes recentes que afondan sobre a situación do galego na sociedade actual.
Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Xusto A. Rodríguez Río, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez e Marta Souto González son os coordinadores desta xornada titulada “Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega”, que pretende proporcionar e intercambiar información, reflexionar sobre os datos, difundir e compartir experiencias e recursos, e tentar achegar vías de solución ou propostas positivas sobre a perda desta transmisión entre xeracións.
O programa
O programa comeza coa mesa titulada “A transmisión interxeracional da lingua galega: marco conceptual e contexto social” na que se achegan os datos cuantitativos e cualitativos que permiten coñecer expereincias e accións implementadas noutras áreas. Son os relatorios de Paula Kasares, Universidade Pública de Navarra e Euskarabidea-Instituto Navarro do Euskera; Xaquín Loredo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e do investigador Anik Nandi, Universidade de Leiden (Países Baixos).
Outro dos aspectos no que se centra o programa é o de achegar unha visión diversa da crianza, relacionada cos espazos e cos tempos. Un achegamento ao traballo e á ollada de catro persoas que teñen consciencia da importancia de criar na nosa lingua. Baixo o título “Escola en galego…escola aberta” falarán Fernando Lacaci da Confederación ANPAS Galegas; Cristina Llinares d’a Galiña Azul; Lorena Pita e Cristina Rodríguez de Aulas Galegas; xunto con Marta Santos e Joana Santos do Proxecto Semente.
O terceiro dos bloques nos que se centra este encontro está relacionado cos espazos e propostas de lecer para a mocidade. Esta sesión busca ofrecer información e debater sobre o que fan as e os cativos no tempo de lecer, que demandan as familias e que ofertan as administracións e as empresas, todo a través de experiencias desenvolvidas no ámbito galego. Participan nesta sesión María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro; Nerea Couselo de Xandobela; Marcos Maceira da Mesa pola Normalización Lingüística que falará da Iniciativa Xabarín, e tamén Marcelo Rodríguez.
A xornada remata, como ben sendo habitual no programa, cun espectáculo relacionado coa temática de cada encontro. Desta volta Faia Díaz e Vero Rilo interpretarán “Apatacón. Por unha peseta”, unha proposta artística a voz cantada e narrada, que fai referencia ás historias interxeracionais aprendidas das súas avoas.