O certame ‘Enreguéifate’ 2022-2023 pechou o pasado venres o prazo de inscrición, tras recibir un total de 43 vídeos de regueifas, 35 deles na categoría escolar e 8 na xeral. As propostas chegan desde todos os puntos da xeografía galega, como Carballo, Burela, Compostela, Pontevedra, Teo ou Ames.
A fase de votación do xurado comeza hoxe mesmo e estará composto por Socorro García, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago; Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro.
Como cada ano, haberá seis premios, un por categoría: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. Os vídeos xa se poden ver na canle de Youtube do certame e o 14 de abril terá lugar a entrega de premios na Gala Enreguéifate-Regueifesta, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Reunirá un millero de escolares galegos e de centros educativos de Euskadi e Cataluña.