O 30% dos menores de 20 anos declaran serias dificuldades ou imposibilidade de se expresaren en galego segundo publica o xornal Praza Pública a partir dos datos do Censo 2021 do INE.
segundo o informe, un 7,6% dos e das menores de 20 anos afirman non poder falar “nada” de galego e outro 21,7% di que o fala “con dificultade”; en total, suman case un 30% de mozos e mozas con serias dificultades para empregar a lingua galega. O mesmo sucede coa escrita, cun 15,4% de mozos e mozas que non son capaz de escribir en galego e outro 17,4% que o fai “con dificultade”; en total, un 33%. Así mesmo, un 39% das persoas maiores de 60 anos afirman ter tamén dificultades para escribir en galego, pero por razóns distintas ás que presenta a mocidade.
En canto aos usos, o castelán é a lingua maioritaria en Galicia tanto no ámbito familiar, coma no laboral ou á hora de falar con amigos e amigas. A diferenza co galego non é grande, pero resulta significativa. Mesmo no ámbito familiar, un 43,4% di falar “sempre” en castelán, fronte a un 34,8% que o fai en galego. Se ademais sumamos as persoas que empregan cada lingua “frecuentemente”, a diferenza segue a ser de máis de sete puntos: 64%-57%. Toda a información en Praza.
Ante estes datos, a Mesa insta a Xunta a iniciar políticas que permitan reverter a situación de emerxencia lingüística que sofre o galego. A entidade de defensa da lingua advirte que os datos de uso do galego recollidos polo Censo 2021 do INE confirman, mais unha vez, “a tendencia negativa da lingua galega observábeis tanto na evolución dos datos do INE como do IGE”. “Estas son as consecuencias dun decreto contra o galego no ensino que só garante o aumento do descoñecemento da lingua do país e dificulta tanto que se manteña no seu uso a mocidade galegofalante como as novas incorporacións”, denuncia o presidente da entidade, Marcos Maceira.