A relación entre a identidade sexual e o neofalantismo poden ter máis relación da que aparentemente semella. Así o quixo demostrar a filóloga Inés Allariz Pena, quen a través do seu traballo de fin de grao “Identidade a través da lingua: sáficas neofalantes”, se mergullou no uso da lingua galega dentro da comunidade LGTB+.
Seis entrevistas con persoas consideradas como sáficas é o fío principal desta investigación, que pretende ser un precedente para estudos posteriores, que axuden a entender o uso do galego máis alá de investigacións que se basean en termos que a autora considera “desfasados”. “Debemos atender ás novas realidades sociais e ser flexibles coas etiquetas na sociolingüística, para non borrar historias e realidades por querer clasificalo todo dun xeito tallante”, explica no seu traballo. “Se se considera que o xénero é determinante para os estudos lingüísticos”, reflexiona ao observar datos que indican un maior número de castelán falantes entre as mulleres con respecto aos homes, “por que non vas considerar a orientación sexual?”
Atendendo esas novas realidades sociais é como chegou Inés Allariz Pena ao tema do seu Traballo de Fin de Grado. Allariz é consciente de que nos seus círculos máis próximos non predomina a heterosexualidade, o que lle serviu para pensar arredor da importancia da orientación sexual á hora de falar un idioma. “Das persoas sáficas que coñezo, sexan amigas ou non, a maioría son galegofalantes e neofalantes”, admite.
É por iso que ás definicións existentes de neofalante, ela aporta algúns matices creando unha nova: “persoa que fala castelán nas primeiras etapas da súa vida nos ámbitos externos ao fogar e á familia; pero que, nun proceso de muda consciente, se converte na adolescencia ou vida adulta en galegofalante habitual (monolingüe ou bilingüe), independentemente de se a súa lingua inicial é o galego, o castelán ou outra”. Con isto, quere englobar todas as posibilidades de muda de idioma, máis alá da descrición estándar da persoa educada en castelán que adopta o galego como lingua principal.
Para ela, é necesaria unha actualización da definición que contemple máis realidades, como a de aquelas persoas que aínda que a súa lingua nai sexa o galego, tamén poden ser neofalantes en contextos externos ao fogar. “Por moito que fales galego na túa casa, non vas facer nada a nivel social se non o mantés e o transmites”, engade. A isto, suma a importancia de desterrar estereotipos como a relación entre o ámbito urbano e o neofalantismo: “Hai estudos que equiparon aos neofalantes cos falantes de galego estándar e galego urbano, e ignóranse moitísimas realidades”.
Nisto coincide Catalina Eirea, estudante de Xornalismo e Comunicación Audiovisual que se define como neofalante bisexual. Para ela, que si coñeceu o galego na casa, os neofalantes son “a xente que falaba sempre en castelán e agora fala sempre en galego”. No seu caso, nunca pensara a posibilidade de que a identidade sexual e a sociolingüística puidesen estar conectadas, mais si que analiza como na súa propia pel viviu un proceso de recoñecerse como bisexual case á par cun maior apego pola lingua e a súa cultura.
Inés Allariz destaca que a través do seu traballo queda demostrado que para as súas informantes si existe relación entre a converterse en neofalante e recoñecerse como sáfica, un termo que recolle máis realidades que o lesbianismo, pois contempla outras identidades de xénero – como as persoas non binarias – e de orientación sexual – bisexualidade ou pansexualidade. Na maior parte das persoas entrevistadas por Allariz Pena, o proceso de muda “sucedeu á vez ou pouco despois da súa saída do armario”, pois “cando te das conta de certos aspectos da percepción da túa propia identidade, cambian moitas cousas da túa personalidade, tamén a nivel lingüístico”
Os resultados, aínda que se limitan a experiencia de seis persoas sáficas neofalantes, poñen sobre a mesa diferentes cuestións con respecto á muda de idioma. O mantemento das raíces e a conciencia da sociolingüística do galego son algúns dos motivos de cambio de lingua que as entrevistadas comparten. Eirea coincide con isto, pois a súa experiencia fóra de Galicia fixo que se sentise máis pegada á súa cultura: “creo que, canto máis te afastas do teu sitio, máis sentes este rollo da morriña e das raíces”. A isto, súmaselle a fuxida da heteronormatividade e o compromiso coas causas sociais. Isto último fai que que as persoas que Allariz Pena entrevistou coincidisen no apoio a grupos oprimidos, non só dentro do colectivo LGTB+, senón máis alá deste panorama, como pode ser o compromiso coa defensa do galego.
“É habitual que as persoas pertencentes a grupos oprimidos empaticen máis con outros grupos nunha situación similar e se impliquen en causas sociais”, explica a autora no seu estudo.
Allariz Pena recalca que cambiar de lingua é un proceso multifactorial. Con todo, con este traballo quere facer ver outras realidades, que tamén se poden contemplar dentro da sociolingüística, máis alá dos campos tradicionais. “Do mesmo xeito que nos estudos sociolingüísticos se teñen en conta cambios de residencia, amizade, centro educativo… tamén é moi relevante considerar a percepción da túa propia identidade”. O seu estudo serve para abrir camiño dentro do estudo da sociolingüística, que debería ter presentes novos aspectos, “pois non incluílos é invalidar realidades”.