A campaña Tece Redes chegará a diferentes localización de Galicia ofrecendo diferentes actividades culturais destinadas a un público familiar, infantil e xuvenil. Un total de 300 actividades terán lugar durante o verán, grazas a iniciativa Tece Redes, creada ao abeiro do fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, e que pretende ser un repositorio de proxectos dixitais e servizos presenciais.
Así o anunciou o pasado 21 de xullo o Secretario xeral de Política Lingüístia, Valentín García, destacando que os proxectos impulsados grazas ao Tece Redes “encherán o verán de Galicia de actividades” que xerarán “un contorno de complicidade na transmisión da lingua no seo da familia e dando a coñecer o galego desde un punto de vista lúdico”.
Na programación participan 150 entidades, que ofrecerán actividades moi diversas, como cine na rúa, coas proxeccións de filmes de produción galega como Valentina ou Bella e o circo máxico, películas a través das cales se trata a igualdade de xénero, a diversidade e a amizade. O teatro tamén terán o seu espazo, da man de espectáculos de monicreques como O tranvía Leonardo, a adaptación da novela de Vicente Risco O porco de pé, ou Xela contra o dragón, cuxa posta en escena trata de mostrar a importancia do uso cotián da lingua galega.
A isto súmanselle outros títulos interesantes como Toupiciencia Show e Lendo a ciencia: Festiciencia & Festiletras, nos que se fomenta a divulgación científica en galego. Entre todas as actuacións destaca a presenza dos Bolechas, a popular familia de irmáns creada por Pepe Carreiro, que percorrerá as rúas ofrecendo diferentes actividades interactivas.
Baile, contacontos, obradoiros, teatro, películas… achegarán a cultura en galego ás familias durante este verán, onde a música tamén terá o seu lugar. Asíartistas galegos como Lucía Pérez, SÉS, María do Ceo, Terbutalina, Susana Seivane, A roda, A Banda da Loba, Roi Casal, Xacarandaina ou Antonio Barros e Ialma son só algúns dos nomes que actuarán no abeiro desta campaña.
Con esta nova serie de actividades, que se poden consultar no Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Tece Redes segue o camiño comezado pola campaña FalaRedes, que ofreceu cultura para o tempo de lecer dos máis cativos durante a primavera cunha serie de sesións que rematan este verán.