No ano 1989 saía á luz a primeira Biblia en galego, unha edición que foi merecedora do Premio Nacional de Tradución. Un equipo humano formado por 20 tradutores, máis a revisión lingüística e a coordinación da edición fixeron posible que unha das grandes obras da historia puidese estar dispoñible en galego, tras traducila directamente dos idiomas orixinais: hebreo, arameo e grego. Agora, 33 anos despois, sae a cuarta edición da Biblia en galego, que ten como novidade a revisión lingüística conforme as últimas normas da Real Academia Galega.
O actual presidente da RAG, Víctor Freixanes, publicaba un artigo de opinión no xornal La Voz de Galicia sobre o 25 aniversario desa primeira edición, no que afirmaba que “a publicación da Biblia reafirmaba hai vinte cinco anos a madurez do idioma e, por extensión, a plenitude dunha cultura de Occidente, con máis de mil anos de historia, á que non queremos renunciar”.
Esta cuarta edición, despois publicadas nos anos 1992 e 2001, é o resultado dunha revisión que actualiza o contido seguindo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego no 2003.
A Editorial SEPT foi a encargada desta nova edición, que a presentará este martes 12 de xullo ás 6 da tarde, na Aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán, en Santiago de Compostela. Conta, ademais, co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco das actividades arredor do Xacobeo 21-22.
O conselleiro de educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio Barrio, o presidente da Editorial SEPT, Francisco Domínguez Martínez; e o biblista supervisor da edición e deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago, acudirán ao acto de presentación. Máis información en El Correo Gallego.