As aldeas bercianas de Corullón, Balboa e San Pedro de Olleros convertéronse nas protagonistas de “Fálame sempre”, un documental que se estreou o pasado sábado 11 e que retrata a presenza do galego no territorio veciño do Bierzo.
“A fala berciana está morrendo”, explica o director do documental, Umberto Corral, quen naceu en Bembibre e vive en Galicia dende o 2007. Co seu equipo quixo retratar un galego que considera “propio, moi diferente”, mais que está desaparecendo por causa do éxodo rural e o seu estigma. O director sinala que a situación do galego na zona é “síntoma da morte da comunidade, da morte do comunitario”.
Por iso, Corral e o seu equipo, ao que chaman Boulla, quixeron poñer en valor este “tesouro lingüístico” da zona do Bierzo, e en especial ás mulleres que falan galego, buscando a desestigmatización do idioma no territorio.
A través de tres capítulos de media hora cada un, o documental recorre aldeas do Bierzo grazas á axuda de diferentes profesionais do lugar, como o etnógrafo de Cacabelos, Dennis Álvarez, a axuda de profesores que imparten galego en colexios bercianos, ou o poeta Juan Carlos Mestre. Foi a axuda de Álvarez, como indica o director, o que lles facilitou a realización da peza audiovisual, permitíndolle coñecer á xente do Bierzo e servíndolles de guía.
O camiño do equipo Boulla realizando o documental permitiulles descubrir unha variante do galego que definen como “preciosa”, ao mesmo tempo que lles axudou a entender a realidade do galego máis alá das fronteiras da Comunidade. “O galego berciano non é peor que o galego se fala en Santiago de Compostela”, explica Umberto Corral, ao que engade que é “unha cousa viva que se modifica a cada quilómetro que pasa”. As persoas galegas do equipo tamén viron reflectida a situación do galego en Galicia co que pasa no Bierzo, respecto á relación do idioma co mundo rural e os prexuízos que hai detrás disto.
“Fálame sempre” comezou a realizar o pasado outono grazas a axudas para o desenvolvemento audiovisual por parte da Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, dentro das diferentes iniciativas para a promoción no Ano Xacobeo. Agora, meses despois de que “Fálame sempre” comezase a facer realidade, a cantina da asociación El Filandón Berciano, en Valtuille de arriba, acolleu a súa estrea. Coincidindo coa estrea, a produtora tamén anunciou novos proxectos en colaboración coa asociación. Máis información en El Bierzo Digital.