A Asociación Socio-Pedagóxica Galega vén de presentar o documental Os nomes da nosa terra, unha serie de seis microdocumentais que procuran divulgar as historias que se agochan baixo a toponimia das nosas vilas. O secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación deste audiovisual xunto o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da RAG e coordinador técnico do Proxecto Galicia Nomeada, Vicente Feijoo.
Os nomes da nosa terra é un traballo escrito e dirixido por Xosé Antón Moure durante os últimos meses de 2021. Para realizalo, contouse coa colaboración dos veciños de cada un dos lugares cuxos topónimos se analizan, de expertos en lingua, en pedagoxía e no audiovisual. Cada un dos seis capítulos está centrado nun dos seguintes lugares: Barcia de Mera, A Coruña, Oleiros, Arteixo, Marzoa, o monte Pindo.
Vicente Feijoo, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da RAG e coordinador técnico do Proxecto Galicia Nomeada, pronunciou unhas palabras de agradecemento e sinalou que “os topónimos, ao igual ca lingua, son unha valiosa herdanza cultural que nos legaron os nosos antepasados”.
Como sinalan dende a Asociación Socio-Pedagóxica de Galicia, “a Unesco considera a toponimia patrimonio inmaterial dos pobos, xa que permanece e dá testemuño das evolucións que sofre o territorio e a xente que o habita, crea comunidade e forma parte da nosa cultura”. A toponimia é parte da nosa cultura e hai que divulgala. Estes son os seis capítulos: