A Universidade de Santiago de Compostela investigará durante os próximos tres anos o papel que desempeñan as redes sociais na transformación das prácticas lingüísticas e na construción das identidades da mocidade galega. A través do proxecto IDEOLINGAL, liderado desde o Instituto da Lingua Galega (ILG) e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o equipo investigador analizará a relación entre o uso do galego e a creación de contido en plataformas como Instagram e TikTok.
A iniciativa céntrase nun fenómeno que nos últimos anos gañou presenza no ecosistema dixital galego: a aparición e consolidación de perfís que empregan o galego como lingua principal para a creación de contidos audiovisuais. O proxecto pretende coñecer de que maneira estes novos espazos dixitais están a influír tanto nas formas de falar como nas percepcións sociais asociadas á lingua.
A investigación parte dunha metodoloxía definida polos seus responsables como innovadora, coa intención de estudar a denominada oralidade dixital, un ámbito que permite observar procesos de cambio lingüístico nun contexto de comunicación diferente ao tradicional. O estudo procurará identificar como o contacto co castelán e co inglés afecta ás formas de expresión en galego entre os sectores máis novos da poboación.
Entre os aspectos que serán analizados figuran tamén as motivacións para empregar a lingua galega nas redes sociais, o papel que ocupa o galego normativo no ámbito dixital ou a formación de novas comunidades de uso lingüístico arredor das plataformas sociais.
O proxecto tamén pretende examinar a maneira na que os creadores de contido constrúen a súa propia identidade pública e toman decisións sobre o modelo de lingua que utilizan. Segundo explican os investigadores responsables, a hipótese coa que traballan apunta cara á existencia de cambios nas actitudes lingüísticas das novas xeracións.
“A hipótese coa que estamos a traballar é que a xente nova está reconsiderando o papel das variedades dialectais nas súas publicacións para as redes sociais orais”, sinalan os responsables da investigación.
Segundo a información achegada polo equipo, unha das cuestións que se pretende comprobar é se as novas xeracións están a modificar a súa relación co idioma, priorizando formas de comunicación percibidas como máis espontáneas ou próximas. A investigación apunta a unha posible menor preocupación pola corrección formal da mensaxe e unha maior procura dunha “naturalidade performativa”, entendida como unha forma de expresión adaptada ás dinámicas e códigos propios das plataformas dixitais.
A profesora da Facultade de Humanidades, Carme Silva Domínguez, destaca a relevancia deste campo de estudo nun contexto marcado polas dificultades na transmisión do idioma. “A indagación sobre as ideoloxías da xente nova é especialmente pertinente nun momento no que as estatísticas amosan serias dificultades na transmisión interxeracional do idioma”, afirma.
Xunto ao estudo das prácticas lingüísticas, o proxecto incorporará unha dimensión relacionada co ámbito económico e profesional da creación de contido en galego. O profesor da Facultade de Filoloxía Xosé Luís Regueira, tamén investigador principal da iniciativa, explica que o estudo permitirá coñecer mellor un perfil profesional cada vez máis demandado por empresas e institucións en campañas de comunicación e márketing.
“Indagar nos novos procesos de revalorización e de resignificación do idioma en termos económicos supón afrontar unha finalidade innovadora e unha lectura funcional da lingua”, indica.
O equipo investigador está integrado por Elisa Fernández Rei, Montserrat Recalde, Vítor Míguez, Cibrán Tenreiro e Noemí Basanta, mentres que no equipo de traballo participan Estela Fidalgo Garra, Miguel Guisantes Alonso e Daniel Amarelo Montero.