O Observatorio de Cultura Galega acaba de elaborar unha investigación a través dunha enquisa á poboación galega sobre os hábitos culturais da nosa infancia e a percepción que ten a poboación da oferta cultural para menores de 16. Este traballo será publicado a principios do novo ano, mais xa se saben algún dos resultados, moi esperanzadores para a lingua galega.
A enquisa valora a disposición das persoas participantes nunha escala do 0 ao 10, no que o número máis baixo indica que o enquisado non está nada interesado e a máxima puntuación estaría moi interesado. Na introdución o Consello explica que “os datos constatan que a cidadanía galega presenta una disposición relativamente alta cara a agasallar con produtos culturais á rapazada, tanto en lingua galega como en xeral”.
A disposición xeral a facer agasallos relacionados coa cultura a menores de 16 anos está en 7,9 puntos nos fogares galegos, mentres que se estes son en galego a disposición é de 7,6 puntos; pois o informe constata que hai un 6,2% da poboación que non ten ningún interese en facer este tipo de regalos se son especificamente en galego, como ben indica praza.gal. Pola súa contra, máis da metade dos enquisados expresaron o seu alto interese en facer agasallos en galego.
O Consello tamén fai un análise do interese en agasallar contido cultural segundo os ingresos familiares. Canto maior é a renta, maiores son as intencións dos enquisados para agasallar contido cultural. Asimesmo, a intención dun agasallo en galego é inferior en todas as franxas da sociedade, agás nas familias que perciben entre 1000 e 2000€ nas que agasallar cultura en galego ten maior relevancia.
Ademais, a enquisa mostra como o interese de agasallar cultura galega é maior na xente xove. A disposición das persoas entre 16 e 29 anos e entre 30 e 44 anos é de 8,09 e 8,38 puntos respectivamente. A partir dos 45 anos o grao de interese baixa en máis dun punto.