A asociación Axuntar, Asociación para a Normalización do Galego de Asturias, fixo público o que cualifica como un “éxito xudicial” tras a notificación do auto do Tribunal Supremo, que acorda admitir a trámite o recurso de casación (núm. 5205/2025) presentado contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias (TSXA). O procedemento está vinculado á impugnación do Decreto 25/2024, que empregaba o termo “eonaviego” para referirse á lingua propia do occidente asturiano.
A entidade defende que esta denominación carece de cobertura legal e resulta contraria á normativa vixente, ao considerar que os termos adecuados son “galego-asturiano” ou simplemente “galego”. O conflito xudicial xorde precisamente desta discrepancia terminolóxica, que Axuntar interpreta como unha cuestión de fondo sobre o recoñecemento lingüístico da zona.
O TSXA tentara pechar o caso alegando unha “perda sobrevinda do obxecto”, despois de que un novo decreto, o 63/2024, modificase parcialmente a redacción para incluír a fórmula “eonaviego ou galego-asturiano”. Porén, o Tribunal Supremo considera que a controversia non desapareceu, xa que o termo cuestionado segue presente, polo que entende que persiste o interese lexítimo da asociación en obter unha resolución sobre o fondo da cuestión.
Desde Axuntar interpretan esta decisión como unha “severa chamada de atención” á Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Deporte do Principado de Asturias e ao conxunto do Goberno autonómico. Segundo sinalan, o alto tribunal cuestiona o que cualifican como “excesivo formalismo” empregado para evitar un pronunciamento xudicial sobre a legalidade da denominación.
Ademais, o Supremo apunta á necesidade de analizar se se puido vulnerar o dereito á tutela xudicial efectiva, recollido no artigo 24 da Constitución, ao tentar esquivar o xuízo sobre o fondo mediante modificacións normativas parciais. O caso permitirá tamén que o tribunal fixe doutrina sobre como deben actuar os órganos xudiciais cando unha administración altera unha norma pero mantén o elemento que orixina o conflito.
A asociación destacou igualmente o papel da campaña ‘#PararllesOsPés’, que, segundo indican, fixo posible financiar o proceso grazas ás achegas da veciñanza da comarca do Eo-Navia. “É a demostración de que a unión da xente pode pór freo ou deixar en evidencia decisións arbitrarias da Administración contra o noso idioma”, manifestaron.