A iniciativa “Proxector: audiovisuais en galego para a docencia”, impulsada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), publica a súa entrega correspondente ao mes de abril cunha proposta centrada nas artes plásticas e visuais. Baixo o título “A arte ten a súa ciencia. Ollada ás artes plásticas e visuais”, a escolma reúne unha ducia de vídeos que abordan distintas disciplinas artísticas e exploran o seu potencial como ferramenta de divulgación científica.
A selección coincide con dúas efemérides, o Día das Artes Galegas e o Día Mundial da Arte, e arrinca cun vídeo dedicado ao fotógrafo José Suárez, homenaxeado neste 2026. A peza, elaborada pola produtora Miramemira, formou parte da exposición “José Suárez. Uns ollos vivos que pensan”, que se puido visitar na Cidade da Cultura en 2016.
Outro dos contidos incluídos nace tamén no contexto expositivo, neste caso da mostra “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX”. A través deste recurso, realízase un percorrido pola actividade de fotógrafos profesionais e afeccionados na cidade, destacando o seu papel como documentalistas dos cambios sociais e urbanos producidos durante ese período.
A entrega incorpora tamén materiais procedentes de diferentes series audiovisuais. Entre eles, o vídeo de presentación de “Museo a ceo aberto”, centrado na arte urbana en Galicia, ou unha peza da serie “Catro + Catro”, na que se analiza a obra de Yoseba Muruzábal, coñecido polos seus murais que poñen o foco na representación da muller rural.
No ámbito histórico-artístico, inclúese un vídeo da serie “Betanzos Capital”, no que o historiador José Ángel Paz Quintana explica o calendario agrícola medieval representado nun capitel da igrexa de Santa María do Azougue, en Betanzos. Pola súa banda, o divulgador Félix Longueira Fafián participa con dúas pezas: unha sobre a traxectoria da pintora Maruja Mallo, figura destacada do surrealismo, e outra centrada nas características arquitectónicas de varios mosteiros da Ribeira Sacra.
A dimensión técnica e profesional do audiovisual tamén ten cabida na escolma a través dun vídeo do proxecto “Aprendo con Olloboi”, no que se analiza o papel do Departamento de Arte e Estética nunha produción, atendendo a elementos como o vestiario, o maquillaxe ou os decorados.
A selección complétase con tres vídeos que inciden na relación entre creación artística e coñecemento científico. Entre eles, unha proposta da USC que revisa a representación de enfermidades infecciosas na historia da arte, outra na que a catedrática Elena Vázquez Abal aborda a presenza da proporción áurea, e unha terceira peza na que a bióloga Joana Magalhães analiza proxectos artísticos vinculados á bioloxía desenvolvidos por creadoras contemporáneas.
O proxecto “Proxector” naceu en 2015 como unha ferramenta do Servizo de Normalización Lingüística da USC para recompilar recursos audiovisuais en galego orientados á docencia. Desde 2018 conta coa participación do Consello da Cultura Galega, a través do CDSG, que colabora na coordinación, edición de contidos e custodia dos materiais.
Actualmente, a plataforma ofrece vídeos clasificados por temática, idioma e nivel educativo, acompañados de fichas descritivas que facilitan o seu uso en contextos formativos. O acceso aos contidos realízase mediante busca libre ou a través de filtros específicos, co obxectivo de facilitar a súa integración no ensino en galego.