Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A RAG e o Concello de Pontevedra impulsan o primeiro mapa sociolingüístico escolar do municipio

A Real Academia Galega e o Concello de Pontevedra formalizaron este xoves un acordo de colaboración para a elaboración do Mapa sociolingüístico escolar do municipio, un instrumento que permitirá analizar en profundidade os usos lingüísticos no ámbito educativo. O documento foi rubricado no consistorio polo presidente da Academia, Henrique Monteagudo, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Dinamización Social e Cultural, Demetrio Gómez Xunqueira.

Segundo explicou Monteagudo, esta ferramenta busca dotar ás políticas de normalización lingüística dunha base sólida de coñecemento. O responsable da institución académica subliñou que o obxectivo é que “as accións de normalización adquiran unha extensión, unha profundidade e unha capacidade de impacto maiores”.

Pola súa banda, o rexedor pontevedrés destacou o valor da cooperación institucional para promover o galego entre a mocidade. “A promoción do galego entre a mocidade é unha acción fundamental á hora de seguir coidando o noso ben inmaterial máis importante: a nosa lingua. Todo o acordo que achegue ao Concello de Pontevedra e á Real Academia Galega só pode cristalizar nunha acción positiva para a sociedade”, afirmou Fernández Lores.

O proxecto abranguerá a totalidade da poboación escolar de educación infantil, primaria e secundaria, así como as súas familias e o profesorado. Ademais, incorporará a perspectiva dos profesionais que traballan en servizos e actividades complementarias vinculadas á xestión municipal, co propósito de ofrecer unha visión ampla dos espazos de socialización escolar.

A RAG, a través do seu Seminario de Sociolingüística, será a encargada de deseñar os instrumentos e protocolos de recolla de datos, tanto cuantitativos como cualitativos, e de garantir o rigor metodolóxico do proceso. Tamén ofrecerá asesoramento aos centros educativos para facilitar a participación da comunidade escolar.

O Concello asumirá a xestión das autorizacións necesarias e coordinará o traballo de campo a través do seu Servizo de Normalización Lingüística. Unha vez finalizada a recolla de información, a Academia procederá á análise dos datos e á elaboración do informe final.

Publicación prevista para 2027

Os resultados serán publicados na primavera de 2027 e darán forma ao Mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra. Monteagudo sinalou que a análise da situación do idioma en concellos urbanos presenta unha relevancia particular, tanto pola concentración de poboación como polos procesos de perda de uso que afectan ás cidades. “A análise da situación do idioma entre a xente máis nova en concellos urbanos coma o de Pontevedra ten unha importancia especial non só por razóns cuantitativas, por seren municipios con máis poboación, senón tamén porque son as cidades as que sofren especialmente a desgaleguización. Por tanto, están máis necesitadas, se cabe, de iniciativas de dinamización lingüística que cómpre deseñar partindo dun coñecemento detallado da súa realidade”, explicou.

Na mesma liña, Demetrio Gómez Xunqueira expresou a súa preocupación pola evolución dos datos de uso entre a infancia e a mocidade. “Os datos de uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade son moi preocupantes, o que fai imprescindible un cambio de rumbo na política lingüística. Abordar eses novos retos da man da RAG é unha garantía de éxito polo seu grande coñecemento acumulado”, indicou.

Terceiro mapa escolar impulsado pola RAG

O de Pontevedra será o terceiro mapa sociolingüístico escolar promovido pola Real Academia Galega. O primeiro foi o do Concello de Ames, publicado en 2021, no marco do proxecto de investigación-acción Modo Galego, actívao!. O segundo corresponde a Santiago de Compostela, actualmente en fase de elaboración tras a conclusión da recolla de datos.

A Academia confía en que outras administracións locais sigan esta liña de traballo ao abeiro do acordo subscrito coa Asociación de Entidades Locais pola Lingua (Alingua). Neste sentido, Monteagudo salientou a necesidade de combinar a acción institucional co impulso social. “A política lingüística non só se debe contemplar como unha acción desde o poder autonómico cara á cidadanía, a colaboración das administracións máis próximas á cidadanía e das comunidades educativas é fundamental. É importante lanzar iniciativas que mobilicen a base social, que involucren as comunidades educativas e as familias, porque a política lingüística non debe ser só de arriba a abaixo, senón tamén de abaixo a arriba. Acordos como o que asinamos hoxe supoñen pasos firmes na dirección correcta”, concluíu.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.