Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Absoltas as persoas acusadas de corrixir un letreiro con toponimia deturpada en Ourense

O Xulgado de Instrución nº 2 de Ourense comunicou esta mañá a absolución das dúas persoas acusadas de corrixir un letreiro no que se deturpaba o nome da cidade. A decisión xudicial baséase na invalidez das probas presentadas durante o procedemento, entre elas un vídeo no que, segundo a resolución, non se pode identificar ás persoas que aparecen nin se aprecia que se produzan danos no letreiro.

Segundo informou A Mesa pola Normalización Lingüística, entidade que asumiu desde o inicio a defensa das persoas acusadas, a causa incluía tamén como elemento acusatorio a participación dunha das persoas encausadas nunha candidatura ás eleccións municipais na provincia de Lugo. A organización considera que este feito foi presentado como proba de cargo, circunstancia á que a sentenza fai referencia ao avaliar o carácter da acusación.

A defensa foi exercida polo avogado Xoán Antón Pérez Lema, quen representou ás dúas persoas durante todo o proceso xudicial. Desde a entidade de defensa da lingua, o seu presidente, Marcos Maceira, sinalou que “as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á nosa dignidade colectiva que non podemos admitir” e advertiu de que “en moitas ocasións participan directamente organismos públicos”.

Maceira incidiu tamén en que, alén de “balados insultantes ou chamamentos a incumprir a lei”, se producen “vulneracións da normativa promovidas desde institucións públicas”. No caso concreto xulgado en Ourense, afirmou que “o carácter antidemocrático da acusación ficou patente ao presentar como proba de cargo a participación dun dos acusados nunha candidatura electoral”.

A entidade lembrou que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística establece que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, unha previsión que, segundo indicou Maceira, tamén está recollida en acordos internacionais impulsados polo Consello de Europa, como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o Convenio marco para a protección das minorías nacionais, referencias que aparecen citadas na propia sentenza.

“O acordo da sociedade galega respecto á denominación dos nomes dos lugares é unánime”, afirmou o presidente da Mesa, quen engadiu que esta cuestión “só é cuestionada desde postulados ideolóxicos que pretenden sementar división e enfrontamento atacando a lingua e a forma de denominar o territorio”.

Finalmente, A Mesa pola Normalización Lingüística recordou a existencia da Liña do Galego, un servizo gratuíto dirixido á cidadanía para tramitar queixas ante situacións de agravio ou discriminación polo uso ou defensa da lingua galega, así como para canalizar parabéns cando se producen avances na garantía do dereito a vivir en galego.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.