O Servizo de Normalización Lingüística da USC vén de publicar un kit de terminoloxía de óptica oftálmica co obxectivo de difundir e consolidar o uso do galego neste ámbito científico e profesional. O material foi desenvolvido en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Óptica e Optometría e está concibido como unha ferramenta de apoio tanto para a docencia como para o exercicio profesional.
O kit reúne diferentes recursos complementarios. Entre eles destaca un glosario multilingüe de óptica oftálmica que recolle case 700 conceptos, presentados en galego, castelán, francés, inglés e italiano, o que facilita a consulta terminolóxica nun contexto académico e profesional cada vez máis internacionalizado.
Xunto a este glosario, o material inclúe o documento titulado ‘Monturas de anteollos: termos ilustrados’, que identifica as partes básicas das monturas e amosa as súas denominacións en distintos idiomas. Este recurso visual permite unha mellor comprensión da terminoloxía específica e contribúe á precisión no uso dos termos técnicos.
O kit complétase coa incorporación das Normas UNE de terminoloxía óptica, que achegan un marco estandarizado para o emprego rigoroso da linguaxe especializada neste eido, favorecendo a coherencia terminolóxica e a calidade da comunicación técnica.
A óptica oftálmica é unha rama da óptica que abrangue as actuacións e os dispositivos destinados a mellorar a visión, mediante a corrección dos defectos de refracción do ollo e das ametropías. Para iso, recorre fundamentalmente a diferentes tipos de lentes, xa sexan lentes de anteollos, lentes de contacto ou lentes intraoculares.
Con esta publicación, a Universidade de Santiago de Compostela reforza o seu labor de normalización lingüística no ámbito científico, ampliando a dispoñibilidade de recursos especializados en galego e contribuíndo á súa presenza nos estudos universitarios e nas prácticas profesionais vinculadas á saúde visual.