O colexio Os Tilos, no concello de Teo, acolleu este martes o acto de clausura da oitava edición de 21 días co Galego e +, un programa de fomento do uso da lingua galega impulsado pola Xunta de Galicia e desenvolvido durante este curso en dez centros educativos de Galicia que participaron de maneira voluntaria.
No acto participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, quen destacaron o papel da comunidade educativa no desenvolvemento da iniciativa. Valentín García felicitou “ao alumnado, ao profesorado e a todo o persoal que se involucrou unha vez máis cunha iniciativa que pon en valor e fai medrar a nosa lingua entre os máis novos desde a perspectiva dos centros escolares como lugares de socialización”.
Durante a súa intervención, o responsable autonómico lembrou que, tras este acto de clausura, o programa terá aínda un peche simbólico co IV Encontro 21 días co Galego e +, previsto para finais de febreiro no Carballiño, no que se reunirá alumnado participante de distintos puntos de Galicia.
Segundo explicou García, esta oitava edición reuniu a máis de 3.700 persoas, nun traballo coordinado coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. As accións desenvolvidas ao longo do programa poden consultarse tanto nas redes sociais da iniciativa como no blog 21diascogalegoemais.gal, que funciona como soporte central e recompila as creacións realizadas polos distintos centros participantes.
A iniciativa 21 días co Galego e + enmárcase no conxunto de accións coas que o Goberno galego dirixe o foco cara á infancia e á mocidade, co obxectivo de impulsar o uso, a presenza e o prestixio da lingua galega nestas idades. Nesta mesma liña sitúanse outras propostas como Falamos ou Nós tamén creamos!, tamén desenvolvidas nos centros de ensino e orientadas a incrementar o uso do galego entre as novas xeracións.
Centros participantes na oitava edición
Durante o curso 2025/26 tomaron parte no programa o CEIP Isidro Parga Pardal, de Oleiros; o CEIP Os Tilos, en Teo; e o colexio Ángel de la Guardia, na Coruña. Na provincia de Lugo participaron o CEIP A Ponte e o CEIP Benigno Quiroga Ballesteros. En Pontevedra sumáronse o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, na cidade de Vigo. Pola súa banda, na provincia de Ourense participaron o CEIP A Ponte e o colexio Hermanos Villar.