Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O fenómeno neofalante centra un encontro con alumnado de secundaria en Lugo

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, participaron no encontro ‘Neofalantes. Unha conversa para sementar galego’, unha iniciativa dirixida a alumnado de ensino secundario coa que se pretendeu abordar o fenómeno do neofalantismo e favorecer a reflexión arredor desta realidade sociolingüística.

A actividade, promovida pola Xunta de Galicia a través da súa Delegación Territorial en Lugo, estruturouse arredor dunha mesa redonda na que se puxeron en común experiencias persoais vinculadas á incorporación do galego como lingua habitual, especialmente en contextos nos que non foi a lingua inicial de socialización.

O encontro estivo moderado polo creador multidisciplinar e neofalante Simón Rodríguez, coñecido como ‘O Galego de Caracas’, quen guiou a conversa a partir de relatos vitais e traxectorias individuais para facilitar o achegamento do alumnado a esta realidade desde unha perspectiva próxima e experiencial.

Segundo explicou a organización, a proposta buscou visibilizar o neofalantismo como un proceso diverso e plural, así como promover unha reflexión crítica entre a mocidade sobre o papel da lingua galega na construción da identidade persoal e colectiva. A través do diálogo e do intercambio de vivencias, a iniciativa pretendeu contribuír á normalización do uso do galego confirmando a importancia das decisións individuais no ámbito lingüístico.

A Xunta enmarca este tipo de actividades dentro das accións orientadas á sensibilización lingüística no ámbito educativo, co obxectivo de achegar á mocidade realidades actuais relacionadas co uso do galego e fomentar espazos de debate arredor da lingua desde enfoques participativos e próximos á experiencia cotiá.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.