A aprobación en 2007 da lei pola que se recoñecen oficialmente as linguas de signos española e catalá deixou fóra outras variedades históricas presentes no Estado. Entre elas, a lingua de signos galega (LSG). A norma partía, segundo explica a doutoranda Zaira González Lago, da Universidade de Vigo, dunha idea asentada: a existencia de dous grandes focos de desenvolvemento en Madrid e Barcelona, ao abeiro dos internados para persoas xordas existentes en ambas cidades. “O que argumenta esta lei é que existían uns colexios de persoas xordas, un Madrid e outro en Barcelona, nos que se desenvolveron esas protolinguas de signos española e catalá”, sinala en declaracións a Nós Diario.
Porén, hai case vinte anos aquela lexislación ignorou a existencia dun terceiro centro histórico, o colexio de persoas xordas de Santiago de Compostela, que xogou un papel decisivo na configuración da comunidade xorda galega. González Lago destaca que, “despois do de Madrid e do de Barcelona, foi o terceiro de todo o Estado e o primeiro que se fundou na Galiza”. Desde 1864 e durante case un século, este colexio recibiu alumnado de todas as comarcas, converténdose nun espazo difusor e homoxeneizador dunha variedade propia: a protolingua de signos galega.
A investigadora, persoa CODA –filla oínte de nai e pai xordos–, lembra que a súa nai estudou nese centro compostelán, do que foron xurdindo iniciativas que hoxe constitúen alicerces documentais da LSG. Entre elas, un desaparecido dicionario histórico; a revista As nosas mans, coordinada polo profesor xordo Andrés Caamaño Hermida; os traballos pioneiros da doutora Cristina González Abelaira; e, xa en época recente, o Informe Cero, orientado á revitalización da lingua de signos galega.
Este conxunto de materiais, centrados sobre todo no léxico, evidencia a existencia dunha variedade propia que, segundo explica González Lago, se viu minguada polo cambio lingüístico dos anos 80 e 90, cando a influencia da lingua de signos española (LSE) se consolidou entre a comunidade xorda galega. O proceso, reconstruído a partir dos relatos de persoas xordas que viviran esa etapa, amosa como a LSE foi desprazando trazos propios da variedade galega.
Hoxe, o Centro de Normalización Lingüística da Lingua de Signos Española (CNLSE) reclama unha análise detallada non só das diferenzas léxicas, senón tamén das características sintácticas e gramaticais das linguas de signos. Neste contexto, González Lago inicia unha nova fase investigadora centrada en dotar á LSG dun corpus representativo, unha ferramenta indispensable para delimitar, preservar e, eventualmente, apoiar unha demanda de recoñecemento legal. “Mais para isto tamén é verdade que ten que haber unha demanda por parte da comunidade xorda galega, que neste aspecto está dividida”, sinala, en liña coas reflexións de González Abelaira. Para a investigadora, a situación sociolingüística das linguas orais “parece reproducirse na lingua de signos”.
O proxecto, que parte dun estudo preliminar xa realizado, combinará corpus signados existentes –Coralse e iSignos, elaborados na Universidade de Vigo– con novas gravacións recollidas nun estudio móbil. As probas, idénticas para todas as participantes, permitirán iniciar o proceso clave: a anotación lingüística. “Isto é o máis importante, anotar”, afirma. A partir desa base será posible construír un signbank léxico e avanzar na análise sintáctica necesaria para unha futura gramática da lingua de signos galega.
Co seu traballo, González Lago aspira a consolidar o que a historia xa amosou: que na Galiza existe unha tradición propia de lingua de signos, configurada ao longo de máis dun século e hoxe á espera de obter a visibilidade e o recoñecemento que non acadou na lei de 2007.