A XXI Xornada de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, celebrada no Consello da Cultura Galega, serviu tamén para abrir un espazo de reflexión sobre o papel do ensino concertado na situación actual do galego. No marco deste encontro, no que se deron cita arredor de 80 docentes, maioritariamente membros de equipos de dinamización ou coordinadoras e coordinadores lingüísticos de centros públicos, privados e concertados, a secretaria autonómica de Escolas Católicas de Galicia, Juana Otero, analizou os últimos datos de uso da lingua e o traballo que se está a facer desde esta rede de centros.
Otero subliña que a realidade dos colexios concertados non se afasta da dos públicos e insiste en que o problema vai máis aló das aulas: “Eu creo que a situación do galego non difire moito entre colexios concertados e públicos. Realmente non se trata dun problema de uso da lingua na escola, senón que é unha cuestión social”.
Dende a súa experiencia, observa que a caída do uso do galego entre a mocidade non se pode atribuír unicamente ao sistema educativo:, xa que asegura que se debe a un problema existente na sociedade. “Estamos esquecendo moito as nosas raíces, as tradicións, as costumes… E todo iso vén tamén polo galego, porque realmente somos galegos”, sentencia.
Desvencellar o idioma das loitas partidarias
Un dos eixos do seu discurso na inauguración da xornada foi a necesidade de desvincular o galego das ideoloxías e dos cálculos partidarios. Otero insiste en que a lingua non pode seguir funcionando como marca política. “Dá igual a cor política, a ideoloxía ou o estrato social”, asegura. “Temos que fixarnos no uso da lingua, non en quen a fala”.
Nesa liña, lembra tamén a situación das persoas neofalantes, que ás veces atopan trabas simbólicas mesmo dentro do propio espazo galegofalante: “Houbo momentos nos que a un neofalante se lle criticaba porque non colocaba ben os pronomes. Eu penso que hai que estar todos a unha, que as medidas que se tomen sexan asumidas por todos e tomadas en serio, porque o que está en xogo son as nosas raíces”.
Para a secretaria autonómica, o galego debe ser percibido como un ben compartido. “Hai xente que pode ser de esquerdas e de dereitas e fala galego. Hai xente que pode ser católica e fala galego”. Asegura que todo o uso partidario e ideolóxico da lingua, a prexudica e fai que moita xente non se anime a falala polo que hai no ambiente.
Equipos de dinamización: moita vontade, pero con poucos medios
Outro dos aspectos que Otero pon enriba da mesa é a insuficiencia de medios cos que traballan os equipos encargados de promover o galego nos centros. Recoñece que existe unha liña de axudas, pero considera que o seu alcance é moi limitado. Os equipos, di, intentan facer cousas, pero teñen moi poucos recursos humanos e económicos. Asegura que hai proxectos que poden recibir “no mellor dos casos 700 euros”.
A responsable de Escolas Católicas insiste en que o problema non é só económico, mais considera que a falta de financiamento e de formación especializada condiciona moito o traballo. Ademais afirma que ter compromiso coa lingua é fundamental, sobre todo para os equipos directivos que son quen marcan o rumbo dos centros.
Nese sentido, defende que o colexio debe ser un espazo de contacto coa lingua para o alumnado que non a recibe na casa e poidan ver o galego como “algo normal”.
Tratamento integrado de linguas: o galego como base
A maioría dos centros de Escolas Católicas en Galicia son plurilingües, e a organización aposta de maneira explícita polo tratamento integrado de linguas (TIL) como fórmula para avanzar na normalización: “Apostamos polo tratamento integrado de linguas, facéndoo desde o galego. Queremos que desde o galego se traballen tamén as demais linguas, pero que o galego sexa un pouco a base”.
A secretaria autonómica considera que o TIL é unha ferramenta potente para garantir maior equidade entre os distintos idiomas presentes na escola. “Creemos que é unha ferramenta moi potente para conseguir a equidade no uso das linguas e a normalización do galego. Dende 2016 ofrecemos formación en TIL a todo o profesorado, non só ao de galego, porque están implicados todos”, afirma.
O galego como enriquecemento persoal
Alén da súa responsabilidade institucional, Juana Otero fala tamén desde a experiencia persoal de neofalante. Criada nun entorno castelafalante, achegouse ao galego a través da escola e da formación, e deu o paso definitivo ao incorporarse a Escolas Católicas: “Na miña casa non se falaba galego, pero no colexio si, e estudei galego. Cando cheguei a Escolas Católicas dixen: ‘Eu teño que falar galego, non podo chegar aquí e falar só en castelán’. Propúxenme falar galego”.
Ese cambio, conta, estivo tamén marcado polo contacto con persoas comprometidas coa lingua no seu círculo profesional. Menciona en especial á súa compañeira Charo, que “está moi metida en todo o que ten que ver co galego e quere o galego”.
Entre os datos e o día a día
Malia que os estudos que sinalan unha caída obxetiva no uso do galego entre a mocidade, Juana Otero percibe tamén indicios de cambio nalgunhas contornas urbanas: “Vivo na Coruña, que é unha cidade na que se fala pouco galego, pero aínda así escoito máis galego que antes. Vexo nenos falando galego cos seus pais, cousa que non via hai anos. O estudo é certo, pero tamén hai movementos que van noutro sentido”.
Entre os diagnósticos cuantitativos e a realidade dos centros, a secretaria autonómica de Escolas Católicas insiste nunha idea: ninguén pode desentenderse da responsabilidade sobre a lingua. “Non podemos deixar soa a escola. Temos que implicarnos todos: administracións, centros, familias e sociedade. O galego non é patrimonio dun grupo, é patrimonio de todas e de todos os galegos”.