Chiara é de Italia e leva anos mergullada na cultura galega. É tradutora e está a realizar unha tese de doutoramento na Universidade de Boloña sobre a circulación e representación da literatura galega no mercado editorial italiano. O seu primeiro contacto coa lingua galega foi casual, durante o máster de tradución. “A miña profesora propúxome traballar con textos galegos, pero eu nin sequera sabía que o galego existía”, lembra. O descubrimento dunha lingua “preciosa, cunha cultura marabillosa asociada a ela” marcou o inicio dun vínculo que hoxe é tamén persoal.
Recoñece que, ao principio, pensaba no galego como unha lingua “periférica”, unha etiqueta que hoxe considera un tópico baleiro. A súa percepción mudou cando visitou Galicia por primeira vez, durante o máster, e chegou a Santiago de Compostela: “Alí todo o mundo falaba galego. Parecéume incrible. Deume ganas de aprendelo”. A súa segunda estadía foi en Vigo, na Facultade de Tradución, e a realidade resultou distinta. “En Vigo notei que moi pouca xente fala galego, sobre todo na rúa. No mundo académico hai máis atención, pero na cidade case ninguén o usa. Na Coruña, nin che conto”, comenta con certa mágoa.
“Falo moi ben castelán dende os once anos, así que seguramente o meu galego estea cheo de castelanismos”, admite, “pero tamén creo que hai moitas semellanzas entre o galego e o italiano, máis ca entre o italiano e o castelán”. Esa proximidade lingüística facilitoulle a aprendizaxe e a aproximación emocional. O que máis a sorprendeu, di, foi o acollemento da xente galega: “Sempre me trataron moi ben, como unha raíña. Unha vez alguén díxome que é mellor falar mal unha lingua que non falala. Creo que iso é fundamental para a súa supervivencia”.
Non obstante, tamén atopou preguntas e prexuízos: “Moitas veces a xente sorprendíase e dicíame: ‘Para que serve o galego?’, ‘Por que estudas isto?’. Iso dá un pouco de mágoa”. Para ela, a resposta é sinxela: o galego é unha lingua que viaxa, que crea pontes e comunidades. Conta unha anécdota que resume á perfección esa idea: no Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) en Braga, en 2023, sentouse xunto a un profesor xaponés e un estudante polaco. “O único idioma que nos unía era o galego, así que falamos en galego. Era a nosa lingua franca. Parecéume marabilloso”.
Chiara coñece ben o panorama das linguas cooficiais de España. Considera que o catalán ten máis visibilidade internacional e apoio institucional, “polo seu peso político e económico”, mentres que o galego segue sendo menos coñecido e menos traducido. Porén, valora o labor dos Centros de Estudos Galegos en Italia —en Padua, Perugia e Roma—, que están a facer “un traballo incrible de difusión e promoción da cultura galega”. Grazas a eles, di, “algo se move”.
A súa perspectiva está tamén marcada pola realidade lingüística italiana. “Italia é un país moi fragmentado”, explica. “Unificouse tarde, e os nosos avós falaban primeiro a lingua local, non o italiano. O italiano foi unha lingua imposta dende arriba”. Por iso entende que unha lingua viva non precisa ser oficial para existir: “O feito de que unha lingua non sexa institucionalizada non implica que non sexa unha lingua”. Menciona o napolitano, o siciliano ou o sardo, linguas que hoxe comezan a normalizarse en medios e no cinema, aínda que “queda moito traballo por facer”.
Os primeiros contactos coa lingua galega foi a través da lectura académica. “Tiña que ler moitísimo en galego para a tese. Había moitos artigos e libros que me interesaban e estaban escritos nesta lingua”, di. A escrita foi a porta de entrada, pero as redes sociais foron o impulso definitivo: “Hai moitísimas iniciativas en Twitter e Instagram para fomentar o uso do galego. As redes xogaron un papel clave na miña aprendizaxe”.
Recoñece que aínda ten pendente descubrir o cinema e a música galega, e cita As bestas como unha das películas que quere ver. Pero a súa mensaxe final é clara e valente: “Hai que lanzarse. Non hai que ter vergoña. En Galicia a xente é moi acolledora con quen fala galego, aínda que o faga ‘mal’. E isto é importante para todos os idiomas, porque se non, acabaremos todos falando inglés. E o inglés é moi bonito, pero o mundo sería moito máis pobre sen a diversidade das linguas”.