Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

57 entidades e centos de colectivos impulsan o Protocolo Lingua Vital aprobado na Quintana

A praza da Quintana, en Santiago de Compostela, acolleu na mañá deste sábado unha asemblea aberta convocada pola plataforma Queremos Galego na que se presentou e someteu á aprobación cidadá o Protocolo Lingua Vital, un documento elaborado ao longo dos últimos meses por 57 entidades de diversos ámbitos sociais, co apoio doutras 396 organizacións. O encontro rematou cun apoio unánime á proposta, que inicia agora unha nova fase centrada na súa aplicación por parte das entidades e institucións que se adhiran ao texto.

A asemblea desenvolveuse nun acto conducido pola creadora de contido Sara Seco e contou coa presenza de representantes de múltiples ámbitos sociais, incluíndo organizacións sindicais, culturais, políticas, veciñais, educativas, agrarias ou empresariais, ademais de colectivos de persoas migrantes, relixiosos e asociacións de defensa das persoas consumidoras. O encontro contou tamén cunha actuación musical do grupo Caamaño e Ameixeiras.

Durante a asemblea, Celia Armas, Mónica Fernández Valencia e Xosé Henrique Costas interviñeron en representación das coordinacións dos grupos de traballo encargados da elaboración do documento. As intervencións puxeron o foco no carácter participativo, plural e transversal do proceso que deu lugar ao protocolo.

No acto participou tamén David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarré per a las minorías étnicas i nacionals (CIEMEN), entidade promotora da Declaración universal dos dereitos lingüísticos, un dos textos de referencia nos que se basea o documento presentado pola plataforma.

Segundo explicou a organización, o Protocolo Lingua Vital recolle medidas orientadas a reverter o que os seus promotores cualifican como situación de emerxencia lingüística, e pretende servir de marco para a acción coordinada da sociedade civil e das institucións que se sumen á iniciativa.

Durante a asemblea tomou tamén a palabra o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, quen fixo referencia á evolución dos indicadores sociolingüísticos en Galicia. Segundo sinalou, os datos estatísticos evidencian o retroceso no uso do galego, que atribuíu á súa “exclusión e á súa ausencia acelerada polo desprezo de quen ten o deber de a asegurar sempre”.

Na súa intervención, Maceira criticou a actuación da Xunta de Galicia en materia de política lingüística e afirmou que o Goberno galego anunciou un novo plan de normalización lingüística que debería presentarse antes de rematar 2025. Ao seu xuízo, “o plan anunciado por Rueda para reverter o estado da nosa lingua foi o plan para reverter a oficialidade que tanto disgustaba a Feixoó”.

O portavoz da plataforma enumerou diferentes ámbitos nos que considera que o galego non conta cunha presenza suficiente, como o uso na xustiza, nas notarías ou nas xestorías, a presenza da lingua no ensino ou a súa visibilidade en ámbitos institucionais e culturais.

Tras a aprobación da asemblea, o Protocolo Lingua Vital entra agora nunha nova etapa centrada na aplicación das medidas recollidas no documento por parte das entidades sociais e das institucións que decidan adherirse á iniciativa.

Segundo destacou Marcos Maceira, o documento pretende constituír “un verdadeiro pacto pola lingua” aberto á participación de persoas, colectivos e institucións interesadas en promover o uso social do galego. Na súa intervención final, o portavoz da plataforma apelou á mobilización social para garantir o futuro do idioma e afirmou que “a lingua galega existe porque é a dun pobo que a defende, que a usa e a reivindica en todos os tempos e baixo todas as circunstancias”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.