Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Bioloxía, economía, robótica, física e química atopan o seu espazo en galego

A Real Academia Galega das Ciencias celebrou o pasado martes 22 de febreiro a apertura do seu curso académico. O pazo de San Roque en Santiago de Compostela acolleu este evento que foi retransmitido tamén por YouTube e que contou con intervencións de todos os ámbitos científicos. Asistiron o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Entre as autoridades presentes destacaron as cinco novas incorporacións á Academia, que virán a engrosar a lista de investigadores do ente galego.

Juan Lema inaugurou coa súa intervención o curso académico “con moita ilusión en poder contribuír á promoción da ciencia entre a sociedade”. Salientou que o inicio do curso é unha moi boa ocasión para facer un repaso do feito e de tomar novos pulos para os vindeiros meses. “A Academia, paseniñamente, vaise introducindo cada vez con máis intensidade na sociedade científica pero tamén na sociedade civil”, manifestou. Tamén agradeceu en nome da institución que os cinco novos académicos correspondentes aceptaran ser “os nosos embaixadores contribuíndo as nosas actividades dun xeito xeneroso e desinteresado”.

Os novos investigadores

Estes novos investigadores son María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo. María Soledad Soengas González (Agolada, 1968), coñecida como Marisol Soengas, foi presentada polo académica numeraria María José Alonso. Soengas sinalou que este recoñecemento faina sentir orgullosa dobremente, “primeiro por valorar o impacto científico do traballo do seu laboratorio no campo do melanoma e, por outra parte, por proceder dunha entidade con tanto peso e tradición en Galicia”. Con referencia ao contexto actual, Ana Cebreiro sinalou que a pandemia da covid-19 danou de maneira significativa a senda do crecemento dos países, cunha recuperación que será desigual.

Tras a presentación do académico numerario Pedro Merino, Aníbal Ollero Baturone comezou lembrando os seus comezos como profesor universitario na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, naquel momento adscrita á USC, facendo tamén referencia ao Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais, do que é director científico, que conta con oficinas en O Milladoiro. Ademais, fixo un percorrido pola súa traxectoria científica.

Foi entón a quenda do catedrático de Física, considerado impulsor de candidatura para instalar en España a fonte europea de neutróns por espalación, Manuel J. Tello León, apadriñado polo académico numerario Félix Vidal. Ofreceu unha reflexión sobre a sutileza conceptual da ciencia e sobre a integración do coñecemento sensible (a ciencia) co coñecemento non sensible, tendo como punto de partida a perspectiva e o alcance do coñecemento captable.

Finalmente, o presidente de Honra da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, deu paso coas súas palabras ao último ingreso da xornada coa incorporación como académico correspondente de Ángel Sanjurjo Bermúdez. Sanjurjo agradeceu á Academia a súa elección para formar parte deste grupo ilustre. “A academia ten unha resonancia especial para min, xa que varios dos meus profesores foron impulsores orixinais da entidade, como Vidal Abascal e Luis Iglesias; membros como Vidal Costa; e outros obxecto de homenaxe por parte da institución, como Tomás Batuecas e Ignacio Ribas. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.