A novena edición da Festa do Apego celebrarase o vindeiro sábado 27 de decembro no Auditorio de Galicia, cunha programación dirixida á infancia e ás familias que se desenvolverá en horario de 12:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00. A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentou en rolda de prensa o programa completo xunto coa técnica do Departamento de Lingua, Marta Besada, destacando o carácter aberto e gratuíto da cita ata completar a capacidade.
Impulsada polo Concello a través do Departamento de Lingua Galega, a xornada servirá para pechar o calendario anual do programa Apego, cunha oferta de música, teatro, narración oral, xogos e recursos educativos en galego. Durante a presentación, a rexedora sinalou que se trata dunha festa con “espectáculos de altísima calidade e para todos os gustos” e fixo un chamamento á participación, subliñando o papel do Apego para “facer comunidade” e “socializar en galego” desde a primeira infancia. A alcaldesa agradeceu tamén o compromiso das familias ao longo do ano e convidou a novas incorporacións a unha iniciativa centrada na transmisión interxeracional do idioma.
Entre as novidades desta edición figuran dúas estreas. A primeira é ‘A árbore dos desexos’, un conto musicado da formación compostelá AuPillaband, gañadora dos Premios Martín Codax da Música 2023 na categoría de público infantil. A segunda proposta inédita é ‘Voo’, un espectáculo de teatro físico, música e obxectos da compañía Teatro ó Cubo, con Sofía Espiñeira e Uxía Algarra no escenario.
O peche da xornada chegará co espectáculo musical de Bibopalula, baseado na serie de debuxos da plataforma xabarin.gal protagonizada por Ava e os paxaros do bosque. Segundo explicou Marta Besada, será “un agasallo moi especial cheo de cancións, coreografías e efectos especiais” e suporá a primeira visita do espectáculo a Compostela nunha programación aberta ao público.
Durante a presentación, Goretti Sanmartín lembrou que Compostela foi concello promotor do proxecto Apego, iniciado en 2015, e que na actualidade 748 familias están inscritas no programa, 42 delas incorporadas ao longo de 2025. Nese período, 15 familias realizaron a entrevista individualizada no Espazo Apego, onde reciben o material de benvida e coñecen os recursos dispoñibles, incluídos materiais descargables e contidos audiovisuais a través da web apego.gal. Entre as novidades recentes figuran a carta de desexos do Nadal e o calendario de 2026 con xogos e recitados infantís.
A alcaldesa destacou tamén o incremento da participación nas actividades ordinarias do Espazo Apego para crianzas de 0 a 6 anos, con 904 familias inscritas nas sesións dos luns, martes e mércores ao longo de 2025 e 931 nos espectáculos dos xoves. Durante o verán, o programa ‘Contos no parque’ levou propostas aos arcos do parque de Bonaval, con sesións semanais sen inscrición previa e alta afluencia. A Festa do Apego no Auditorio de Galicia funcionará así como clausura anual destas actividades.
Programación
-
Para bebés (0–3 anos): Meco e Sono, de Xarope Tulú (Escenario da sala Ángel Brage, 12:00 e 12:50).
-
Música (a partir de 3 anos): A árbore dos desexos, de Pillaband (Sala Mozart, 13:30).
-
Teatro (a partir de 3 anos): Voo, de Teatro ó Cubo (Sala Mozart, 16:45).
-
Narración oral: Rosa e Azul, de Pérez&Fdez (Espazo NOGA, 12:45), e Contos arredor do lume, con Alba de Vales (Escenario cafetería, 17:45).
-
Espectáculo final (a partir de 3 anos): Bibopalula, o espectáculo (Sala Ángel Brage, 19:00).
Ao longo de toda a xornada haberá espazos de xogos con Vaidavai e recursos educativos no recibidor, coa participación de iniciativas como Atlantic Ponte, Brazolinda, Libraría Couceiro e materiais específicos de Bibopalula. A entrada será de balde en todos os espazos ata completar a capacidade.