O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou esta mañá o seminario internacional A morte e as súas representacións na LIX ibérica e iberoamericana, un encontro de reflexión e análise coordinado polo proxecto Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dirixido pola investigadora Marta Neira e no que participan a Rede Temática de Investigación Las literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI) e o grupo de investigación LITER21, coordinado por Carmen Franco.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo darlles a benvida un ano máis a Compostela a todos os participantes e agradecerlles “ter a capital galega como punto de referencia da literatura infantil e xuvenil”. O secretario xeral de Política Lingüística, que colabora co encontro a través do Centro Ramón Piñeiro, destacou a importancia de fomentar a literatura infantil e xuvenil en lingua galega “pois é nestas franxas de idade cando se crea o hábito lector. Para a nosa lingua é este un obxectivo estratéxico, o fomento da lingua galega nas idades máis temperás e na adolescencia, xusto onde o uso da lingua ten máis necesidade de reforzarse”.
Baixo a coordinación de Blanca-Ana Roig Rechou, profesora ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro Ramón Piñeiro, reuníronse no Pazo de San Roque membros que integran a rede pertencentes aos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués e vasco, así como tamén do ámbito brasileiro.
Homenaxe a Mª Luz Pintos
O Pazo de San Roque tamén é hoxe o escenario elixido para presentar o libro Mª Luz Pintos, Fenomenóloga. Liber Amicorum, unha homenaxe conxunta da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) a esta profesora e filósofa que conta co respaldo da Xunta de Galicia. Saída da primeira promoción da que antes era a Facultade de Filosofía, Psicoloxía e Pedagoxía, Mª Luz Pintos representa a incorporación da muller ao eido do pensamento filosófico na USC e agora, despois dunha vida dedicada á fenomenoloxía e teimando a resposta a tantos outros temas que picaron a súa curiosidade, chega á xubilación.
Canda Valentín García tamén participan nesta sentida homenaxe Javier Sanmartín, catedrático de Filosofía da UNED; Marcelino Agís, presidente da SIFA e coordinador da edición, e a propia Mª Luz Pintos Peñaranda.